O 13 de xullo
A CEL difundirá nunha xornada informativa en Ribadeo as próximas axudas de Igape e Gain
Ribadeo acollerá o xoves 13 de xullo unha xornada informativa sobre as convocatorias das axudas InnovaPeme e DeseñaPeme da Axencia Galega de Innovación (Gain) para o ano 2023, así coma de axudas de Igape para este mesmo exercicio.
![A xornada informativa enmárcase nas actividades de Conecta Lugo.](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/economiaengalicia/images/2023/07/07/2023070718362237559.png)
Esta xornada enmárcase dentro das actuacións do programa Conecta Lugo, posto en marcha pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) co apoio da Xunta de Galicia a través de Axencia Galega de Innovación e o Igape con obxectivo de promover un maior coñecemento e aproveitamento por parte das empresas de Lugo das axudas en materia de innovación da Xunta e outros apoios autonómicos.
InnovaPeme e DeseñaPeme buscan dar resposta ás necesidades das pemes, en especial as menos innovadoras de sectores tradicionais, paliando a súa falla de recursos e coñecemento en materia de innovación. A través de DeseñaPeme apóiase a innovación en produto, servizo e experiencias, ademais de marca e identidade; mentres que InnovaPeme céntrase na innovación en procesos e organización.
Poñentes
A xornada terá lugar en horario de 11:00 a 14:00 horas no Hotel Gastronómico Araucaria Ribadeo en formato presencial, se ben está prevista tamén a posiblidade de asistencia telemática. Contará coas intervencións da directora de GAIN, Patricia Argerey, e o secretario xeral da CEL, Jaime López, así como de técnicos de Gain e Igape e representantes de empresas que contarán a súa experiencia coas axudas obxecto de análise no evento, concretamente Granja Campomayor, Pescados Rubén e NIGAL.
A asistencia é gratuita pero as prazas limitadas, polo que é imprescindible inscribirse a través da web da CEL ou da Axencia Galega de Innovación.