Do 14 ao 16 de abril

O 5º Car Outlet Ourense ofertará 400 vehículos

O recinto feiral de Expourense acolle entre o 14 e o 16 de abril, o V Car Outlet Ourense, que porá á venda 400  vehículos de ocasión e segunda man de 24 marcas diferentes, procedentes de 15 concesionarios asociados a ACAUTO.

O 5º Car Outlet Ourense ofertará 400 vehículos
Representantes de ACAUTO xunto ao delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén (4º pola esq.) e ao director xerente de Expourense, Rogelio Martínez (1º pola der.) na presentación do V Car Outlet Ourense.
Representantes de ACAUTO xunto ao delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén (4º pola esq.) e ao director xerente de Expourense, Rogelio Martínez (1º pola der.) na presentación do V Car Outlet Ourense.

O V Car Outlet Ourense está coorganizado entre Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO. O salón foi presentado nun acto no que participou o presidente do comité executivo de Expourense e delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e o presidente de ACAUTO, Ramón Seijas, que estivo acompañado por boa parte da directiva da asociación.

O obxectivo deste certame é cubrir todas as gamas e modelos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos clientes ao mellor prezo. O público poderá consultar nun mesmo espazo distintas opcións de coches de oportunidade no mercado ourensán, e comparar in situ antes de decidir a compra.

A oferta deste salón inclúe vehículos kilómetro cero, seminovos, de xerencia e segunda man, de entre 1 e 5 anos, dun total de 24 marcas (Abrath, Audi, BMW, Citroen, Cupra, Dacia, Fiat, Ford, Hyundai, Jeep, KIA, Mazda, Mercedes, MG, Nissan Mercedes, Opel, Peugeot Stellantis, Porsche, Renault, Seat, Skoda, Toyota, Volkswagen, e Volvo).

Gran demanda de vehículos de ocasión

A situación actual do mercado do automóbil novo (suba impostos matriculación, dúbidas sobre qué tipo de motorización elixir, crises de componentes electrónicos, ruptura da cadea de subministros…) que contempla tempos de espera prolongados para recibir o coche novo, leva consigo que o mercado de ocasión sexa a mellor opción para quen precise cambiar de automóbil dun xeito rápido e cómodo.

Os datos indican que en Galicia por cada coche novo véndense dous de ocasión, incluíndo tamén as compras entre particulares. Isto provoca que haxa cada vez maior demanda e menor oferta, polo que acudir a este salón convértese nunha boa oportunidade para os que anden a busca dun vehículo deste tipo. Por outro lado, este salón é unha boa ocasión para rexuvenecer o parque automobilístico galego (dos máis antigos de España) que ten agora unha idade media de 14 anos.

No primeiro trimestre de 2023, segundo datos de Faconauto e Ganvam, vendéronse en Galicia 25.063 vehículos turismo e todoterreos de ocasión, un 2,7% menos que o trimestre anterior. No conxunto de España as vendas deste tipo de vehículos subiron un 3,4%, ata as 467.975 unidades.

O horario de apertura do salón será venres 14 de abril de 11.00 a 20.30 h., sábado 15 de 10.00 a 20.30 h. e o domingo 16 de abril de 11.00 a 20.00 h. A entrada terá un custo de 3 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos.

O 5º Car Outlet Ourense ofertará 400 vehículos