Do 28 ao 30 de xuño

254 firmas estarán presentes na feira forestal Galiforest Abanca

A quinta edición do monográfico Galiforest Abanca, que se celebra desde este xoves ata o sábado no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón, A Coruña), contará coa presenza de 254 firmas expositoras.

254 firmas estarán presentes na feira forestal Galiforest Abanca
Vista da edición anterior de Galiforest.
Vista da edición anterior de Galiforest.

Son un 40% máis de firmas que na anterior edición, celebrada en 2016, e proceden de 21 países.  Destas firmas, 76 serán expositores directos (un 33% máis que fai dous anos). nove deles de Portugal, Italia, Suecia e Austria, e as restantes serán marcas representadas por estes. Os expositores de Galiforest ocuparán unha superficie neta de 11.875 metros cadrados, superando nun 24% a da última cita.

Estas cifras eflexan a aposta do certame pola súa internacionalización e cumpren a porcentaxe de expositores directos estranxeiros requeridos para solicitar o selo de internacionalidade que outorga o Ministerio de Economía y Empresa.

Con todo isto, Galiforest Abanca 2018 convértese na maior edición celebrada ata o momento tanto en superficie expositiva como en número de empresas e firmas presentes, ademais de dar un importante paso para converterse na principal feira do sector forestal en España.

Galiforest Abanca 2018, organizada pola Feira Internacional de Galicia Abanca co apoio das consellerías do Medio Rural e de Economía, Emprego e Industria, contará así cunha gran área expositiva na que se mostrarán máis de 300 máquinas e equipos, demais de centenares de recambios e pezas, que contarán cun valor superior aos 23 millóns de euros. A isto sumaranse os produtos e servizos de empresas de reparación electrónica, pasta de papel e fertilizantes, ademais de viveiros forestais, asociacións, institucións ou prensa técnica.

Unha exposición que se unirá a un interesante programa de actividades para converter a Galiforest Abanca nun centro de negocio forestal, un escaparate das últimas novidades e un foro para a análise da realidade sectorial. Todo isto na mellor localización posible, un monte que permite aos expositores realizar demostracións da maquinara exposta e aos visitantes ver o seu funcionamento sen renunciar a unha boa comunicación, fácil  acceso e excelentes infraestruturas. Un lugar real de traballo que constitúe a razón de que o evento se celebra fóra das instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA.

O certame acollerá tamén interesantes xornadas técnicas, que analizarán, entre outros temas, certificación forestal, construción con madeira certificada en Galicia, historia e presente da fabricación de maquinaria forestal e primeira transformación en Galicia, seguridade en manexo con motoserra e desbrozadora, a presentación dos proxectos Biomasa-AP e Valornature nos que participa a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) ou a nova tramitación electrónica de aproveitamentos madeireiros e leñosos por parte da Consellería do Medio Rural.

No seu obxectivo de contribuír ao fomento do I+D+i no sector, Galiforest celebrará de novo o seu Concurso de Innovación Tecnolóxica, ao cal concorren 11 proxectos. Premiaranse aquelas novidades que destaquen por aportar melloras ao sector forestal e optimizar os seus recursos.

254 firmas estarán presentes na feira forestal Galiforest Abanca