O grupo empresarial participa na elaboración dunha guía de boas prácticas de SEGITTUR

Fogar do Santiso, modelo de economía circular no sector da restauración

O grupo empresarial Fogar do Santiso, pioneiro na aplicación da ecoloxía á produción agroalimentaria e a restauración sostible, é un dos modelos de inspiración a partir dos que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través de SEGITTUR, elaborou a “Guía de Boas Prácticas para a Aplicación da Economía Circular no Sector Turístico”.
Fogar do Santiso, modelo de economía circular no sector da restauración
Jose Santiso, copropietario do Fogar do Santiso, participou na presentación da guía elaborada por SEGITTUR.
Jose Santiso, copropietario do Fogar do Santiso, participou na presentación da guía elaborada por SEGITTUR.

A "Guía de Boas Prácticas para a Aplicación da Economía Circular no Sector Turístico” fai propostas concretas para que a economía circular reactive o tur¡smo afectado pola covid e a crise climática, e antepoña a sostibilidade dentro do sector.

A empresa familiar de Teo foi a única do sector da restauración en España invitada a participar na presentación da publicación elaborada a través de SEGITTUR (Sociedad Mercantil Estatal para la Gestión de la Innovación y las Tecnologías Turísticas). Ademais do pesidente de SEGITTUR, no acto celebrado en Madrid, Fogar do Santiso compartiu protagonismo cos directivos de firmas inspiradoras da economía circular como Iberostar, Consello de Mallorca, Parque de Tecnoloxías Ambientais de Mallorca, e o hotel Abadía Retuerta LeDomaine.

Jose Santiso, copropietario do grupo empresarial Fogar do Santiso, que cumprirá 26 anos o vindeiro luns, explicou que “a guía pretende cambiar a lei de calidade turística pola lei de sostibilidade turística. A calidade ten que ser sostible. Nós queremos aportar valor e non só teoría. Sempre fomos a contracorrente. Cando ninguén apostaba por ser sostibles, a nosa familia xa estaba nisto, deseñando un Fogar sostible para os próximos 100 anos”. Santiso codirixe un grupo empresarial de restauración, produción agroalimentaria, consultoría sostible e bioconstrución, “baseado no respecto ao produto, ao planeta e ás persoas”, resumiu.

“O próximo 25 de maio España xa terá consumido todos os recursos naturais que nos corresponderían para o 2022. Se todos os países fixeran coma nós, necesitaríamos 2,5 planetas ao ano. A que esperamos para mitigar a crise climática e cambiar o sistema?”, reflexionou Jose Santiso na súa intervención.

Fogar do Santiso xa fora invitado como ponente ao Cumio do Clima COP25 e seleccionado este ano como voz da gastronomía sostible en Fitur.

A guía, dispoñible na web de SEGITTUR

España encabezaba ata 2019 a competitividade turística no mundo, segundo o Foro Económico Mundial, pero non destacaba no apartado de sostibilidade ambiental, ocupando o posto 25 no ranking de turismo sostible. A economía española deixou de ingresar por turismo internacional máis de 57 mil millóns de euros en relación a 2019, o que supuxo unha caída do 62,1%. As previsións dos expertos volven pospoñer a saída total da crise do sector ao 2023.

A "Guía de Boas Prácticas para a Aplicación da Economía Circular no Sector Turístico” pode consultarse na web de SEGITTUR. A publicación aporta un novo modelo de produción e consumo para que produtos, materiais e recursos se manteñan activos durante o maior tempo posible, cos mínimos residuos e sexan aproveitados ao máximo.




 

Comentarios
Fogar do Santiso, modelo de economía circular no sector da restauración