Este xoves a campaña chega a Lugo

Unha campaña da Xunta promove a constitución de entidades de economía social

A Secretaría Xeral de Emprego está a celebrar esta semana nas catro provincias galegas a campaña "Mergúllate na Economía Social" para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos empresariais.

Unha campaña da Xunta promove a constitución de entidades de economía social
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, explicou os apoios á economía social da Administración galega.
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, explicou os apoios á economía social da Administración galega.

Tralas xuntanzas en Ourense e Pontevedra, este mércores a campaña "Mergúllate na Economía Social" chegou a Santiago e o xoves estará en Lugo, a partir das 14 horas, na Fundación CEL. A estas xornadas están invitiados axentes de emprego e desenvolvemento local, persoal técnico de emprendemento e emprego de entidades sen ánimo de lucro, orientadores laborais e outros axentes intermedios. Deste xeito, máis de 300 destes profesionais recibirán a través desta iniciativa a información necesaria para que poidan orientar ás persoas con iniciativas emprendedoras na constitución de entidades de economía social, tales como cooperativas ou sociedades laborais.

Nas xuntanzas expóñense as principais características e o funcionamento deste tipo de entidades, así como as diferenzas con outras fórmulas de empresa máis coñecidas, como as sociedades mercantís ou o emprendemento autónomo. Así mesmo, explícanse as vantaxes da economía social e as oportunidades que este tipo de entidades ofrecen para formalizar iniciativas no marco de tendencias actuais como a economía colaborativa.

Ademais, danse a coñecer os instrumentos de apoio que ofrece a Administración autonómica aos emprendedores no eido da economía social, entre os que cabe destacar as axudas do programa Aprol Economía Social, o novo programa de laboratorios cooperativos no rural ou o asesoramento prestado desde a Rede Eusumo.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou na xornada de Santiago, onde deu conta dos mecanismos de apoio cos que conta a Xunta para impulsar en Galicia a economía social. Deste xeito, Toca puxo en valor ás cooperativas polo papel destacado que xogan no tecido empresarial galego contribuíndo a mellorar a competitividade e a impulsar o emprendemento industrial.

Axudas para laboratorios cooperativos
Con respecto aos programas de axudas neste ámbito, a secretaria xeral de Emprego lembrou que a Xunta convocará nas próximas semanas dúas liñas novas de apoio para poñer en marcha os Laboratorios cooperativos no rural co que busca impulsar a creación de novas cooperativas ou sociedades laborais e, desta forma, darlle un pulo á economía social, un sector que conta con máis de 7000 entidades e 320.000 persoas e que contribúe a fixar poboación e crear riqueza no rural.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé a través desta iniciativa, na que investirá 500.000 euros, o desenvolvemento de 15 laboratorios para a creación de 15 novas empresas ou sociedades laborais.

Para poñer en marcha os laboratorios, a Administración autonómica convocará axudas dirixidas aos concellos, mancomunidades de municipios e consorcios locais, asociacións de economía social, colectivos e fundacións que teñan entre os seus fins a promoción do cooperativismo, o emprendemento ou o desenvolvemento económico e empresas privadas para que leven a cabo un programa formativo específico nun concello rural.

Previamente, terán que identificar novas oportunidades de negocio na zona e seleccionar a persoas desempregadas interesadas en emprender nesas actividades. Financiarase ás entidades promotoras con ata 15.000 euros por cada laboratorio cun máximo de 45.000 euros. Os apoios cubrirán ata o 80% dos gastos xerados da actividade formativa, de titorización e asesoramento e gastos de coordinación. Prevense anticipos de ata o 80% do total da axuda.

O Goberno galego, doutra banda, financiará con ata 22.000 euros por solicitude ás cooperativas ou sociedades laborais de nova creación constituídas no laboratorio. Estas axudas cubrirán o 80% dos gastos de constitución da empresa e de funcionamento durante o primeiro ano. Tamén prevense anticipos de ata o 80%. Os dous programas de axudas son compatibles e complementarias cos apoios do Aprol Economía Social, Aprol Rural e os de asesoramento da Rede Eusumo.

Comentarios
Unha campaña da Xunta promove a constitución de entidades de economía social