Acolleu un encontro para detectar necesidades do ecosistema empresarial local

O Polo de emprendemento de Silleda titoriza unha vintena de proxectos empresariais

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, inaugurou este luns o encontro de empresas tractoras do Polo de emprendemento Pontevedra Norte e Rías Baixas, en Silleda, que se celebra co obxectivo de detectar retos e futuras necesidades do ecosistema empresarial desta zona.

 

O Polo de emprendemento de Silleda titoriza unha vintena de proxectos empresariais
A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, no encontro con empresas no Polo de emprendemento de Silleda.
A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, no encontro con empresas no Polo de emprendemento de Silleda.

O Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Silleda, inaugurado o pasado mes de xullo, está a mentorizar máis de vinte proxectos de negocio vencellados co territorio e que dinamizarán a súa economía e emprego. 

Margarita Ardao puxo en valor a “metodoloxía participativa” coa que se celebra a sesión deste luns, coa idea de favorecer as relacións entre empresarios. “Estamos a traballar para promover necesidades e retos actuais e futuros do ecosistema empresarial de Pontevedra Norte e Rías Baixas”, especificou a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, quen puxo en valor que este tipo de foros axuden ás firmas participantes a dar a coñecer as súas necesidades de man de obra.

“Queremos detectar capacidades non cubertas no territorio, para poder  obter un mellor coñecemento das ideas de negocio que poden desenvolver futuros emprendedores con perspectivas favorables”, remarcou. Nesta liña especificou que o Polo de Silleda xa conta cunha vintena de proxectos de emprendemento cos que se está a traballar e que estes están enmarcados en sectores diversos: agroalimentario, cultural, educativo, medio ambiente, comercio, artesanía, hostalaría, educación, deporte, turismo e saúde.

Na xornada, promovida coa colaboración da Fundación Roberto Rivas, analizáronse as necesidades do tecido empresarial da provincia de Pontevedra en materia de soporte (innovación e dixitalización, xestión de axudas, formación directiva, análise financeiro, sinerxías con outras empresas, asociacionismo empresarial...); comercialización (formación en vendas, novas formas de comunicación, canles de venda, marca comercial, feiras ou eventos, internacionalización...); e no eido operativo (acceso a man de obra, materia prima, equipamentos, loxística, redución da pegada ambiental...).

As persoas participantes puideron afondar, por outra banda, na formación que precisan as empresas da contorna, para poder dar resposta axeitada a través tamén do programa de cualificación ofertado polo Polo.

A Xunta proxecta despregar unha rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego en 12 puntos da Comunidade no marco da estratexia de emprego Xempre Contigo. Polo momento xa están abertos, ademais do de Silleda, os de Verín e Costa da Morte (Coristanco).

O Polo de emprendemento de Silleda titoriza unha vintena de proxectos empresariais