Antes de final de ano abrirán os de Monforte e Ferrolterra

Inaugúrase en Coristanco o terceiro Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego

A Xunta de Galicia vén de inaugurar o Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Costa da Morte que, situado en Coristanco, prestará servizo a persoas emprendedoras de 29 concellos coruñeses.
Inaugúrase en Coristanco o terceiro Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego
A conselleira María Jesús Lorenzana (3ª pola dereita) na inauguración do polo de emprendemento da Costa da Morte.
A conselleira María Jesús Lorenzana (3ª pola dereita) na inauguración do polo de emprendemento da Costa da Morte./M.FUENTES.

O de Coristanco é o terceiro polo que se activa, tralos de Ourense Centro e Sur (en Verín) e Pontevedra Norte e Rías Baixas (en Silleda),  dun total de 12 que a Xunta espera ter en marcha entre este ano e 2023.

Este terceiro polo, o primeiro en activo na provincia da Coruña, que “desde esta sede en Coristanco prestará servizo e apoio aos 29 concellos que conforman as comarcas da Barcala, Barbanza, Bergantiños, Fisterra, Muros, Noia, Terra de Soneira e Xallas”, indicou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, durante a inauguración.

Cos Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, a Xunta de Galicia ofrece unha rede unificada e coordinada, conformada por titores que acompañan desde o comezo e durante cada etapa ás persoas que inician a súa andaina empresarial, para que sexan quen de emprender en condicións de seguridade e para garantir que os seus negocios medren e se consoliden no tempo.

Tras tres meses de traballo, indicou a titular de Promoción do Emprego, a rede de polos comeza a colleitar os seus primeiros froitos. Deste xeito, remarcou a conselleira, xa se está a prestar apoio personalizado e permanente a 63 persoas emprendedoras axudándoas a desenvolver 55 proxectos empresariais. Ata o momento, destacou, se teñen celebrado ademais 200 sesións de titorización coas emprendedoras e emprendedores. Entre os primeiros proxectos destacan as apostas nos sectores do turismo e o ocio, a alimentación, os servizos profesionais, o agro ou a fabricación de bens de consumo.

“Isto é só co comezo” indicou a conselleira, quen confirmou que o Goberno galego seguirá a traballar na rede de 12 polos que estarán en funcionamento en toda a Comunidade ao longo deste ano e o próximo. Lorenzana anunciou que antes de rematar 2022 porase en marcha un segundo polo na provincia da Coruña, concretamente na zona de Ferrolterra, e tamén o primeiro de Lugo, que estará situado en Monforte.

Os polos constitúen unha das principais actuacións da estratexia de emprego de Galicia Xempre Contigo, que avoga por avanzar na consecución dun mercado laboral mellor, máis preparado e interconectado, no que o emprendemento no territorio resulta clave polos beneficios que reporta na poboación e nas contornas, dixo a conselleira.

 

Inaugúrase en Coristanco o terceiro Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego