MÁIS DE 2 MILLÓNS DE EUROS EN AXUDAS PARA PROXECTOS QUE DINAMICEN A CONTORNA DA RÍA

O GALP Ría de Pontevedra asesorará proxectos de emprendemento ligados ao sector pesqueiro

O GALP Ría de Pontevedra presentará este xoves 13 de febreiro unhas xornadas de asesoramento a persoas promotoras de proxectos que aposten pola dinamización empresarial da contorna da ría.
O GALP Ría de Pontevedra asesorará proxectos de emprendemento ligados ao sector pesqueiro
As axudas diríxense a proxectos empresariais que promovan o desenvolvemento da contorna da Ría de Pontevedra.
As axudas diríxense a proxectos empresariais que promovan o desenvolvemento da contorna da Ría de Pontevedra.

A presidenta e a xerente do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores e Laura Nieto, acompañadas pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, presentarán o acto, que terá lugar ás 12:00 horas no Espazo Emprendedor do Concello, no Porto de Marín. O acto está aberto a particulares, entidades e asociacións interesadas en buscar financiamento para a posta en marcha de proxectos ligados ao sector pesqueiro e tamén ao patrimonio cultural marítimo pesqueiro.

A presentación busca dar a coñecer unhas xornadas nas que se informará pormenorizadamente destas axudas (contías máximas de financiamento, procedementos, casos de éxito) e das entidades e/ou persoas que poden beneficiarse das mesmas.

A primeira xornada terá lugar o luns día 17 de febreiro en horario de 10 a 12 horas para os proxectos produtivos e de 18 a 20 horas para os non produtivos. As persoas que asistan contarán con asesoramento personalizado para a mellor xestión do seu proxecto.

Convocatoria de axudas aberta

A primeira convocatoria de axudas para este 2020 estará aberta ata o 2 de marzo e poden presentarse a elas aqueles proxectos empresariais que promovan o desenvolvemento da contorna da Ría de Pontevedra.

O GALP dispón de máis dous millóns de euros para os proxectos que se presenten a esta convocatoria. Os importes divídense entre os proxectos produtivos que superan o millón e medio de euros repartidos en tres anualidades o os proxectos non produtivos que repartirán un importe de case 550.000 euros tamén en tres anualidades. As axudas poderán alcanzar ata o 50% do investimento, que pode chegar ata o 80% para proxectos vinculados á pesca costeira artesanal.  Pola súa banda, nos proxectos non produtivos con finalidades non económicas, que cumpran determinados requisitos, a axuda pode ser do 100%.

Nas sesións que se levarán a cabo nos concellos de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño analizaranse os proxectos que poden recibir estas axudas así como os pasos a seguir para converter en realidade unha idea de negocio.

Anualmente preséntanse dúas convocatorias para subvencionar aqueles proxectos que se orienten cara a promoción de procesos e produtos pesqueiros de calidade e orixe local, e os que aínda relacionados con outros sectores de actividade contribúan a dinamizar e beneficiar o tecido socioeconómico da área de influencia do GALP con proxectos que xeren emprego e axuden a fixar xente no territorio, que poñan en valor e conserven o patrimonio cultural e medioambiental e que, en definitiva, repercutan positivamente no benestar social.

A través destas axudas, o GALP Ría de Pontevedra apoiou nos últimos anos proxectos do máis diverso, desde melloras en instalacións portuarias até rutas turísticas pasando por programas gastronómicos e de divulgación da cultura mariñeira. O GALP quere animar a participar nestas xornadas de asesoramento a toda persoa con algunha idea de negocio a desenvolver no seu territorio.

Comentarios
O GALP Ría de Pontevedra asesorará proxectos de emprendemento ligados ao sector pesqueiro