Convenio de colaboración

A Deputación de Pontevedra dota a Fademur con 10.000 euros para visibilizar o emprendemento feminino no rural

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), Rosa Arcos, asinaron  un convenio de colaboración para a realización dun proxecto que se centrará na loita contra a violencia de xénero e na posta en valor dos traballos de emprendemento realizado por mulleres do rural da provincia. 

A Deputación de Pontevedra dota a Fademur con 10.000 euros para visibilizar o emprendemento feminino no rural
Carmela Silva e Rosa Arcos asinaron o convenio.
Carmela Silva e Rosa Arcos asinaron o convenio.

O proxecto, dotado con 10.000 euros, está dirixido a mulleres traballadoras ou paradas que viven no medio rural, que figuran como colaboradoras nas explotacións agrarias, ás produtoras de alimentos e ás artesás. Entre os obxectivos principais da iniciativa está a loita contra a violencia machista no rural.

Por outro lado o proxecto pretende visibilizar o traballo das mulleres do rural que teñen proxectos de emprendemento de diferentes tipoloxías como pode ser a artesanía, porque “ás veces é complicado dar a coñecer eses proxectos e poñerlle cara”, indicou Rosa Arcos e asegurou que  “as mulleres son unha parte importantísima da actividade económica do medio rural”.

Ademais do citado, o programa de visibilización tamén inclúe iniciativas de formación e información sobre a Lei de titularidade compartida, lei que persegue promover a titularidade compartida das explotacións agrarias como un vehículo para alcanzar a equiparación entre mulleres e homes no sector, pero á que poucas explotacións se teñen acollido ata a data porque a norma aínda non está ben desenvolvida e porque hai moita desinformación.

Tamén se realizarán outras actuacións dirixidas a proporcionar formación e información en emprendemento e autoemprego, visibilización dos productos agroalimentarios e artesanais e ofrecer estratexias para o uso das novas tecnoloxías nas canles de comercialización dos produtos no rural.

Fademur agrupa en Galicia a 54 entidades de mulleres rurais, e en Pontevedra a 31 entidades entre colaboradoras e asociadas.

A Deputación de Pontevedra dota a Fademur con 10.000 euros para visibilizar o emprendemento feminino no rural