A través de dúas liñas de subvencións

A Deputación de Pontevedra repartirá 350.000 euros en axudas para o sector primario da provincia

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases de dúas liñas de subvencións, destinadas ás cooperativas agrogandeiras e ás confrarías de pescadores, as federacións destas e as asociacións de mariscadoras da provincia de Pontevedra.

A Deputación de Pontevedra repartirá 350.000 euros en axudas para o sector primario da provincia
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, explicando estas liñas de axudas.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, explicando estas liñas de axudas.

Segundo explicou este venres a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ambas as dúas liñas de subvencións suman un total de 350.000 euros para o sector primario da provincia de Pontevedra.

As cooperativas agrogandeiras repartiranse 150.000 euros para o financiamento de melloras nos seus servizos. Os investimentos que poden solicitar axudas son aqueles dirixidos á comercialización e valorización das producións, a  formación técnica e asesoramento para o desenvolvemento das súas actividades, a divulgación e posta en uso das novas tecnoloxías, das enerxías renovables e do aforro enerxético e investimentos para mellorar os servizos.

Ademais, Carmela Silva sinalou que “este ano tamén temos asinado convenios para apoiar a diferentes organizacións de produtores e produtoras, cun investimento de máis de 100.000 euros, para promover produtos ecolóxicos como o leite e a mazá e tamén para a dinamización do sector hortícola ecolóxico da provincia de Pontevedra”, polo que este ano “as cooperativas agrogandeiras reciben unha achega en conxunto de 250.000 euros, 50.000 euros máis que o ano pasado”.

No caso das axudas ás confrarías e federacións de confrarías de pescadoras e pescadores e agrupacións de mariscadoras, as axudas ascenden a un valor total de 200.000 euros para financiar investimentos que melloren os servizos que desenvolvan durante este ano, distribuídos entre 100.000 euros para gastos de persoal e outros 100.000 para investimentos. Os supostos contemplados son os mesmos que para as cooperativas agrogandeiras e, a maiores, a adquisición de material para a vixilancia das producións e o gasto de persoal. Ademais, Carmela Silva sinalou que “a maiores imos asinar un convenio neste eido por valor de 30.000 euros”, polo que estes colectivos reciben un investimento total de 230.000 euros.

Deste xeito, sinalou a Presidenta provincial, “estamos a falar en total de case medio millón de euros, 480.000 euros para o sector primario da provincia de Pontevedra, cumprindo así cun compromiso que adquirimos cando tomamos posesión, que é o de fomentar o apoio aos sectores produtivos da nosa provincia”.

O prazo de solicitude dúas liñas de axudas será de 30 días naturais a partir do día seguinte da publicación dos extractos das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

A Deputación de Pontevedra repartirá 350.000 euros en axudas para o sector primario da provincia