Máis de 540 serán para o acceso ás principais escalas da Administración Xeral

A Xunta proporá convocar 720 prazas de emprego público polo sistema de oposición

A Xunta de Galicia vai propoñer aos sindicatos a convocatoria dun total de 720 prazas de emprego público a través do sistema de oposición libre. Estas prazas pertencen ás Ofertas de Emprego Público (OEP) do ano 2019, 2020 e 2021.

A Xunta proporá convocar 720 prazas de emprego público polo sistema de oposición
Un proceso selectivo de la Administración gallega.
Un exame de oposición para empregado público da Administración galega.

A Xunta modifica así o sistema de selección que viña empregando nos últimos anos e substitúe o concurso-oposición polo de oposición libre. O cambio afecta ás propostas de bases de convocatorias de 20 escalas profesionais que a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitir ás organizacións sindicais para a súa negociación. Estas prazas pertencen ás Ofertas de Emprego Público (OEP) do ano 2019, 2020 e 2021.

A estas oposicións poderá presentarse calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas convocatorias, e a súas posibilidades de lograr unha praza dependerán exclusivamente da preparación e do esforzo realizado polos aspirantes no proceso selectivo. Polo tanto, non haberá unha fase de concurso na que se valoren os méritos de experiencia profesional ou a formación.

Do total de prazas, máis de 540 serán para o acceso ás principais escalas da Administración Xeral, entre as que destacan 75 para o Corpo superior A1, 90 prazas para o Corpo de xestión A2, 102 para o Corpo administrativo C1, 120 prazas para o Corpo auxiliar C2, 119 para a Agrupación Profesional (AP) de persoal funcionario e oito para a Escala Técnica de Finanzas A2. Tamén se recollen cinco prazas para o Corpo auxiliar e 28 de Agrupación Profesional reservadas para persoas con discapacidade intelectual.

Estabilización de emprego

Estas convocatorias serán complementarias ás dos procesos de estabilización de emprego que se desenvolverán ao abeiro da Lei 20/21 do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público que se publicarán antes de finais de ano. De feito, as bases remitidas aos sindicatos prevén que as probas selectivas poidan celebrarse de xeito simultáneo.

A Consellería de Facenda e Administración Pública proporá esta medida co obxectivo de rexuvenecer os cadros de persoal da Administración Autonómica e tamén para ofrecer unha oportunidade de emprego estable tanto a aqueles mozos e mozas que remataron os seus estudos recentemente como ás persoas sen experiencia profesional na Administración.

A Xunta proporá convocar 720 prazas de emprego público polo sistema de oposición