Máis de 4.500 seleccionaríanse por concurso de méritos

A Xunta estima en preto de 5.000 as prazas que convocaría para estabilizar emprego

A Xunta vén de comunicar aos sindicatos 4.946 prazas susceptibles de ser convocadas no proceso de estabilización de emprego establecido na Lei 20/21 do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

A Xunta estima en preto de 5.000 as prazas que convocaría para estabilizar emprego
Igape Responde ofrece asesoramiento inmediato a autónomos y pymes para reactivar su actividad.
A Xunta estima en 4.946 prazas as susceptibles de ser convocadas no proceso de estabilización de emprego.

A Lei 20/21 distingue dous tipos de procesos: un proceso de estabilización mediante o sistema de concurso de méritos no que se valorarán exclusivamente os méritos e outro a través do sistema de concurso-oposición que comporta a realización de exames.

O primeiro dos procesos empregarase para seleccionar todas as prazas que estivesen ocupadas de forma temporal e de xeito ininterrompido con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016, mentres que o segundo será de aplicación ás prazas ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos os tres anos anteriores ao 31 de decembro do ano 2020.

Das 4.946 prazas comunicadas para o proceso de estabilización, 4.537 poderán seleccionarse polo sistema de concurso de méritos e outras 409 a través dun concurso-oposición.

Do total de prazas, 3.357 correspóndense con prazas de emprego público na Administración Xeral e 1.589 con prazas das entidades do sector público autonómico. Dentro das entidades do sector público, 1.337 prazas pertencen ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, no que 1.145 serán susceptibles de seleccionarse polo sistema de concurso de méritos e 192 por concurso-oposición.

As organizacións sindicais poderán consultar as prazas a través dun buzón coa finalidade de proceder á súa revisión e comprobar que todas as prazas se axustan ás características esixidas pola normativa estatal. Os sindicatos poderán facer observacións ata o 5 de maio.

Neste listado non se inclúen as prazas correspondentes á sanidade nin ao ensino, que se negociarán nas súas mesas respectivas. Neste envío para a súa revisión polas organizacións sindicais, a Xunta incluíu ademais prazas correspondentes a outros procesos de selección e provisión que están en curso.

A Lei tamén establece que a Oferta de Emprego Público (OEP) dos procesos de estabilización deberá estar aprobada e publicada antes do 1 de xuño de 2022 e que as correspondentes convocatorias deberán publicarse antes do 31 de decembro deste ano.

Máis de 700 prazas polo sistema de oposición

En todo caso, estes procesos son diferentes das oposicións libres para as que a Xunta convocou a principios deste mes 333 prazas. Así mesmo, a Administración galega está a negociar tamén coas organizacións sindicais as convocatorias doutras 397 prazas para oposicións libres.

A Xunta estima en preto de 5.000 as prazas que convocaría para estabilizar emprego