En resposta a unha demanda da Seguridade Social e de CCOO

Unha sentenza recoñece a relación laboral de 105 falsos autónomos de Frigolouro en Lugo

O Xulgado do Social n.º 1 de Lugo acaba de ditar unha sentenza que recoñece a relación laboral de 105 falsos autónomos que prestaban servizos para Frigolouro en Lugo.
Unha sentenza recoñece a relación laboral de 105 falsos autónomos de Frigolouro en Lugo
Desde o sindicato CCOO consideran esta sentenza unha "nova vitoria" dos seus servizos xurídicos, que hai máis de tres anos iniciou unha intensa campaña contra a figura dos falsos autónomos no sector cárnico. Grazas a ela logrouse regularizar a situación de centos de traballadores.

Estes falsos autónomos prestaban o seu servizo como "socios cooperativistas" de Servicarne para a empresa Frigolouro, pero en instalacións adscritas a Novafrigsa. As dúas últimas empresas pertencen ao Grupo Coren, mentres que a primeira foi descalificada da súa condición de cooperativa en abril de 2019 polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridad Social, estando pendente a resolución dun recurso contencioso administrativo interposto ante a Audiencia Nacional.

Na demanda aparecen como promotores tanto a Tesouraría da Seguridade Social como a Federación de Industria de CCOO, asistida polo letrado Enrique Lillo, avogado dos servizos xurídicos confederais desta organización.

Ao longo de 45 páxinas, a sentenza do Xulgado do Social n.º 1 de Lugo baséase no labor sindical e xurídico realizado por CCOO nos últimos anos e declara probada a relación laboral entre os falsos autónomos e o Grupo Coren. De feito, a propia Coren xa os asumiu no seu cadro de persoal no 2019.

A sentenza abre a porta a unha reclamación económica contra Servicarne e Coren polas cotas de autónomos indebidamente pagadas nos últimos catro anos, así como polas cotizacións que deixou de percibir a Seguridade Social, motivo este polo que a Tesouraría Xeral foi parte demandante.

Segundo CCOO-Industria, a fraude polo uso dos falsos autónomos no sector cárnico é "millonaria". No caso que ocupa esta sentenza, só as cotas de autónomos que as empresas deberían devolver aos 105 excooperativistas "poderían supoñer millón e medio de euros", e bastante máis as cotizacións que haberá que aboar á Seguridade Social, "que se incrementarán cun recargo do 20 %", apuntan desde o sindicato.

Estender os efectos ao Porriño

A sección sindical de CCOO en Frigolouro no Porriño (Pontevedra) piden tamén que se faga xustiza coas súas reivindicacións, moi similares ás que motivaron a denuncia de Lugo. Lembran que se trata "do mesmo modo de traballo, a mesma cooperativa, os mesmos procedementos e incluso o mesmo director de recursos humanos, que tivo que prestar declaración no xuízo de Lugo".

Comentarios
Unha sentenza recoñece a relación laboral de 105 falsos autónomos de Frigolouro en Lugo