Cun programa formativo cuxo primeiro obradoiro virtual se celebra o 28 de maio

O Concello do Rosal axudará ao pequeno comercio a transformarse dixitalmente

Co primeiro obradoiro virtual estes xoves 28 de maio bota a andar o programa formativo para a transformación estratéxica e dixital do comercio local do Rosal, unha iniciativa posta en marcha por este Concello pontevedrés co obxectivo de dar ferramentas ao pequeno comercio para axudalo a innovar e adaptarse a unha realidade cambiante.
O Concello do Rosal axudará ao pequeno comercio a transformarse dixitalmente
A alcaldesa do Rosal, Anxela Fernández.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

O programa, totalmente online e de balde, arranca este xoves 28 co seu primeiro obradoiro virtual, centrado nas claves do comercio na era post-COVID, analizando a situación e comportamento do comercio e dos consumidores durante a crise sanitaria e os posibles escenarios e perfís da clientela ante a nova realidade.

Programa

A primeira fase do programa formativo continuará o vindeiro luns 1 de xuño cun obradoiro sobre o espazo comercial e tendencias de consumo. A partir de aí o contido centrarase na dixitalización a través da xestión de redes sociais e de vendas online con seminarios interactivos sobre como destacar en Google (mércores 3 de xuño), o uso de whatsapp no comercio (luns 8), a publicidade en redes sociais (mércores 10) e por onde empezar na venda online (luns 15).

“Queremos apoiar ao comercio de proximidade e axudalos a que se reinventen e a que sexan capaces de reaccionar ante unha realidade cada día máis cambiante. Para nós é prioritario darlle ferramentas sinxelas e efectivas coas que poidan chegar á clientela de diferentes xeitos e coas que poidan poñer en marcha novas estratexias de venda”, salienta Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal.

Apoio de expertos

O plan de formación continuará cunha segunda fase dirixida a un grupo máis reducido de comerciantes comprometidos e con interese en mellorar que contará co apoio de persoas expertas para reorientar o seu negocio, potenciar as súas fortalezas e buscar solucións para as posibles debilidades cunha estratexia empresarial a medio e longo prazo para aproveitar as oportunidades do mercado e ser máis competitivo.

Este programa formativo forma parte do plan de reactivación da economía local que está a desenvolver o Concello do Rosal en todos os ámbitos posibles, dirixíndose tamén a todas as administracións competentes para trasladar as necesidades ás que se enfrontan tanto o comercio de proximidade como outros sectores.

O Concello do Rosal axudará ao pequeno comercio a transformarse dixitalmente