Sinalan que a compañía aproveita para avanzar no desmantelamento das fábricas coa excusa da pandemia

O comité de empresa presenta conflito colectivo contra o ERTE de Xeal ao consideralo "fraudulento"

O comité de empresa de Xeal (antiga Ferroatlántica) vén de presentar demanda de conflito colectivo contra o expediente de suspensión de contratos  e reducións de xornada aplicado nas fábricas de Cee e Dumbría e nas centrais hidroeléctricas, ao entender que as causas alegadas son "inexistentes e fraudulentas".

O comité de empresa presenta conflito colectivo contra o ERTE de Xeal ao consideralo "fraudulento"
Central hidroeléctrica de Ferroatlántica (actual Xeal) no río Xallas.
Central hidroeléctrica de Ferroatlántica (actual Xeal) no río Xallas.

Para a representación social dos traballadores en Xeal, a empresa "estase aproveitando da emerxencia sanitaria derivada da covid-19 para avanzar no plan de cese de actividade dos fornos e no desmantelamento das fábricas posto en marcha a principios de ano; e ao tempo aforrar cartos a conta da pandemia". Así, a empresa alega causas organizativas para o ERTE, "pero o sistema rotativo de quendas proposto durante a regulación é o mesmo que xa se estaba realizando", precisan nun comunicado remitido aos medios de comunicación polo comité de empresa da antiga Ferroatlántica de Cee-Dumbría e centrais hidroeléctricas.

Estando en ERTE -explican desde o comité- "a empresa deixa de asumir con fondos propios o custo das xornadas laborais sen prestación de servizos, que pasa a financiarse con cargo ás prestacións por desemprego das traballadoras e traballadores". É dicir, é o propio persoal quen asume o custe das medidas preventivas que ten que pór a empresa para garantir a seguridade a saúde no desempeño da actividade laboral, critica o comité.

Os representantes dos traballadores recalcan que a dirección "non quixo entrar a negociar nin valorou en ningún momento as alternativas propostas pola representación social, malia que permitirían minimizar o risco de contaxios coa adopción das medidas preventivas adecuadas, optimizando os recursos dispoñíbeis e sen suspender contratos con cargo a prestacións por desemprego".

Por iso, consideran que o ERTE non ten causas obxectivas, "senón que é un chanzo máis na secuencia de recortes de produción e de emprego e no desmantelamento progresivo das fábricas" e por iso veñen de presentar demanda de conflito colectivo.

Comentarios
O comité de empresa presenta conflito colectivo contra o ERTE de Xeal ao consideralo "fraudulento"