A suspensión temporal de emprego, a partir do 24 de setembro, afectará todo o persoal das plantas de Cee e Dumbría

A CIG critica que XEAL aplique un ERTE non negociado coa actual representación social

A sección sindical da CIG rexeita a decisión de XEAL, a actual propietaria das fábricas de Cee e Dumbría de Ferroatlántica, de aplicar unha nova suspensión temporal de emprego a partir do 24 de setembro que afecta a todo o cadro de persoal.
A CIG critica que XEAL aplique un ERTE non negociado coa actual representación social
Unha protesta do comité de empresa das fábricas de Cee e Dumbría cando pertencían a Ferroatlántica./CIG.
Unha protesta do comité de empresa das fábricas de Cee e Dumbría cando pertencían a Ferroatlántica./CIG.

Segúndo denuncia a sección sindical da CIG nas fábricas de CEE e Dumbría "este ERTE, ademais, nin sequera foi negociado coa actual representación social, senón que se trata do expediente asinado en febreiro de 2019 en Madrid entre Ferroatlántica e tres centrais sindicais".

A decisión comunicada este mércores pola dirección de XEAL evidencia -a xuízo da central intersindical galega- "a fraude da operación de compra-venda entre Ferroatlántica e TPG, que só busca segregar as fábricas das centrais hidroeléctricas para avanzar no seu desmantelamento e poder facer negocio coa produción de enerxía saltando as obrigas que impoñen as concesións administrativas". Un camiño para o que XEAL se aproveita da conxuntura económica derivada da pandemia da covid-19, engade o sindicato.

A sección sindical da CIG denuncia a "mala fe" coa que actúa XEAL que, antes de informar ao comité de empresa, anunciou nos medios de comunicación que vai executar o ERTE. "Un expediente que foi asinado en Madrid hai máis de ano e medio noutra empresa, con outra representación legal, que sobrepasa o ámbito territorial e que os traballadores/as demandaron en múltiples ocasións que fora retirado cando se efectivizou a venda", insisten a CIG. 

No seu día, a CIG xa recorreu o ERTE no xulgado do Social, atopándose o recurso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que debe resolver o ámbito competencial no que se ten que xulgar, xa que tal e como está formulada, a regulación afecta a varios centros de traballo que naquel momento pertencían a Ferroatlántica. 

Neste senso, o sindicato chama a atención sobre o feito de que mentres se recorta a produción en Cee e Dumbría até o punto de que só hai dúas unidades produtivas en marcha, o resto das fábricas de FerroGlobe incluídas nese ERTE "están traballando practicamente ao 100% da súa capacidade". Ademais, engade a sección sindical, XEAL toma esta decisión cando segue sen haber un plan industrial de futuro e  seguen sen realizarse as inversións comprometidas para as plantas, que están "nun ridículo 10% da súa capacidade produtiva". 

Implicación da Xunta

A representación da CIG esixe da Xunta unha "implicación inmediata", que convoque "con urxencia" o comité á xuntanza que está pendente de celebrarse dende febreiro e,"de continuar XEAL sen presentar o plan de viabilidade, que actúe de inmediato sobre as concesións, procedendo ao seu rescate". 

Comentarios
A CIG critica que XEAL aplique un ERTE non negociado coa actual representación social