Máis de 1,7 millóns de toneladas de mercadorías movidas

Os portos de titularidade autonómica incrementaron nun 3,5% o tráfico de mercadorías en 2018

Os portos de titularidade autonómica incrementaron o volume de tráfico de mercadorías un 3,5% no ano 2018, segundo recolle o informe anual de tráficos elaborado por Portos de Galicia.

Os portos de titularidade autonómica incrementaron nun 3,5% o tráfico de mercadorías en 2018
O documento de Portos de Galicia dá conta do balance de tráfico de mercadorías rexistrado nos 122 peiraos de titularidade autonómica.

O documento de Portos de Galicia dá conta do balance de tráfico de mercadorías rexistrado nos 122 peiraos de titularidade autonómica entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

O informe amosa que o ano pasado se moveron nos portos dependentes da Xunta de Galicia un total de 1.772.000 toneladas de mercadorías. Esta cifra supón un incremento en termos netos de preto de 60.000 toneladas respecto ao balance de 2017.

Os movementos de mercadorías máis importantes corresponderon respectivamente aos portos de Cariño, con 603.000 toneladas, Ribadeo, con 542.000 toneladas, e o de Brens (Cee), con 334.000 toneladas. Cómpre destacar tamén o incremento acadado no porto de Burela, que rexistrou ao longo do pasado exercicio un movemento de 14.000 toneladas de mercadorías, un 1,3% máis que o ano anterior, sendo fundamentalmente un porto pesqueiro, non comercial.

En canto ás principais mercadorías descargadas destaca o mineral de ferro sen aglomerar no porto de Cariño, en que se moveron máis de 552.000 toneladas desta mercadoría; a pasta de madeira en Ribadeo, con 396.000 toneladas; o coque e o manganeso no porto de Brens-Cee, con 122.000 e 90.000 toneladas respectivamente; e a madeira en bruto en Burela.

Tamén resulta destacable a actividade de descarga de túnidos conxelados na comarca da Barbanza, principalmente a través do porto da Pobra do Caramiñal. Neste peirao descargáronse 102.000 toneladas no ano 2018 ás que se suman as 27.000 descargadas no porto de Ribeira, peirao pesqueiro e non comercial pero que acolle nos últimos anos parte da actividade de descarga de túnidos de xeito auxiliar ao da Pobra.

Un 2% máis de facturación

En relación coa facturación, Portos de Galicia pechou o pasado exercicio económico cunha recadación de 17,3 millóns de euros, un 2% máis que o ano anterior. As principais fontes de recadación foron as tarifas X4 (Pesca fresca), TODP (ocupación de espazos e aproveitamento do dominio público) e X5 (embarcacións de lecer). Esta recadación permite o reinvestimento na mellora de servizos e infraestruturas do ente público, o que repercute, polo tanto, de novo no propio sector portuario.

 

Comentarios
Os portos de titularidade autonómica incrementaron nun 3,5% o tráfico de mercadorías en 2018