Convocados por CCOO

Maniféstanse en Boiro en defensa dun convenio digno para a conserva de peixe

Varios centos de persoas manifestáronse este sábado en Boiro, na comarca coruñesa da Barbanza, a instancias de CCOO, en defensa dun convenio digno e con salarios xustos para o sector da conserva de peixe.
Maniféstanse en Boiro en defensa dun convenio digno para a conserva de peixe
A manifestación convocada por CCOO percorreu as rúas de Boiro.
A manifestación convocada por CCOO percorreu as rúas de Boiro.

Os manifestantes deixaron clara a súa desconformidade co acordo previo asinado por UGT e CIG coa patronal. De feito, non faltaron pancartas e carteis coa mensaxe "véndese", en referencia ás organizacións que o asinaron.

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia implicouse de cheo neste conflito nas últimas semanas, pero tamén na manifestación de hoxe. En Boiro estiveron a secretaria xeral, Amelia Pérez, e varios membros da Comisión Executiva Nacional do sindicato: Leila Piñeiro, Antonio Millares, Francisco Méndez e Juan Carlos López Corbacho.

O secretario xeral de CCOO-Industria, Víctor Ledo, censurou a actitude de UGT e CIG asinando un acordo "insuficiente" cunha patronal "caciquil".A xuízo de Comisións, o documento non resolve as principais reivindicacións, como a fenda salarial entre mulleres e homes ou os baixos salarios en xeral —os menores de toda a industria agroalimentaria. Ledo tamén lles reprochou que pactasen coa patronal o cuarto turno de traballo, «que será maioritariamente cuberto por mulleres e mozas precarias, o que afondará na fenda salarial de xénero», apuntou o sindicalista.

Por último, o secretario xeral de CCOO-Industria instou a UGT e CIG a someteren este acordo a referendo "de todos os traballadores e traballadoras, non só a unha parte", de maneira que todo o sector "poida deixar clara a súa postura"

Maniféstanse en Boiro en defensa dun convenio digno para a conserva de peixe