Encontro no polígono da Granxa

Conde destaca que o marco normativo galego da resposta ás necesidades do tecido empresarial

Nun encontro con empresas asentadas no polígono da Granxa, no Porriño, o vicepresidente económico da Xunta en funcións, Francisco Conde, salientou que Galicia conta co marco lexislativo para dar resposta ás necesidades do tecido empresarial e garantir a competitividade das áreas industriais.
Conde destaca que o marco normativo galego da resposta ás necesidades do tecido empresarial
Encontro do vicepresidente segundo en funcións da Xunta con empresas do polígono da Granxa, no Porriño.
Encontro do vicepresidente segundo en funcións da Xunta con empresas do polígono da Granxa, no Porriño.

Referíase o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións tanto á Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia como a futura Lei de áreas empresariais, que está en tramitación no Parlamento galego.

Francisco  Conde destacou que ambas as dúas leis son o paraugas normativo baixo o que a Xunta vai despregar os seus apoios ao emprendemento e á captación de investimentos nos parques empresariais de Galicia.

Por un lado, a Lei de áreas empresariais, unha vez que sexa aprobada no Parlamento, fará de Galicia a primeira comunidade autónoma cunha lei específica neste eido, necesaria para achegar seguridade xurídica ao empresariado galego. Por outro, a Lei de simplificación administrativa, desde o seu primeiro ano de aplicación, xa permitiu rebaixar en 17 días o prazo de emisión de informes para a resolución de trámites empresariais a través da Oficina Galicia Empresa.

Conde lembrou que esta lei amplía o seu alcance grazas aos 151 municipios galegos que neste momento contan co distintivo de Concellos Emprendedores; 23 na provincia de Pontevedra. Por iso, polo peso de áreas empresariais como o polígono de Granxa, animou ao Concello do Porriño a sumarse a esta iniciativa.

 

Stellantis e fondos Next Generation

O vicepresidente económico da Xunta puxo de relevo como estes dous instrumentos normativos poden contribuír aos obxectivos dun sector que é clave para todo o cinto industrial da área de Vigo como é a automoción. Ao respecto, destacou que detrás do proxecto co que Stellantis opta aos fondos Next Generation está todo o traballo desta industria en Galicia e supón un gran incentivo para moitas das empresas asentadas no polígono da Granxa. En consecuencia, asegurou que non sería xusto por parte do Goberno negarlle esa confianza e a posibilidade de acceder ás axudas europeas.

Comentarios
Conde destaca que o marco normativo galego da resposta ás necesidades do tecido empresarial