CCOO denuncia a precariedade no sector do comercio

O comercio lidera a fraude na contratación temporal

A Federación de Servizos de CCOO inicia unha campaña para denunciar a precariedade e as cargas de traballo "extremas" no sector do comercio. En Galicia, segundo o informe que o sindicato presentou este martes, esta rama da actividade está marcada pola temporalidade e, sobre todo, o predominio da xornada parcial.
O comercio lidera a fraude na contratación temporal
Juan Zas, Lucía Trenor, Amelia Perez, Patricia Mariño, na rolda de prensa de CCOO.
Juan Zas, Lucía Trenor, Amelia Perez, Patricia Mariño, na rolda de prensa de CCOO.

A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Amelia Pérez, explicou que a precariedade laboral e o abuso da contratación a tempo parcial predominan nas grandes empresas, "grandes cadeas de moda que nestes intres amplían horarios, modifican horarios, recorren a horas complementarias" porque hai un marco normativo que llelo permite.

Pérez afimou que o "necesario" cambio de modelo produtivo do país ten que ir da man dunha mellora das condicións de traballo, especialmente no sector do comercio.

Pola súa parte, a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, sinalou que a precariedade no comercio prexudica de xeito especial as mulleres, pois é un sector altamente feminizado. Hai un abuso na figura dos contratos de xornada parcial, que en máis da metade dos casos obedecen a unha decisión da empresa por non ofertar unha xornada completa.

A sindicalista demandou que o carácter "esencial" que se lle outorgou ao persoal desde o comezo da pandemia se traduza en condicións laborais dignas. Esixiu que se cumpran todas as condicións laborais e salariais, que se respecte o descanso diario e semanal, políticas de contratación baseadas na estabilidade, melloras en prevención de riscos, a ampliación de persoal cando haxa máis carga de traballo, racionalización dos horarios comerciais e investimento en formación para unha transición dixital xusta.

Trenor tamén demandou que as empresas retribúan o tempo adicional traballado para a apertura e peche dos establecementos —é habitual ter que estar minutos antes da apertura e minutos despois do peche— e que se aboen todas as prolongacións de xornada. Neste sentido, foi tallante: "traballar gratis é escravitude".

Negociación colectiva

O secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos, Juan Zas, denunciou a parálise da negociación colectiva no comercio. "Hai moitas patronais que nin sequera teñen interese en sentar nunha mesa de negociación", criticou. Isto, malia que os convenios colectivos "falan de moito máis que o salario". De feito, un dos principais problemas está a ser cos sistemas de control de entrada, que en moitas empresas aínda se está a facer en papel, «que é un sistema totalmente manipulable».

Outros puntos de conflito coas empresas son o abuso da contratación a tempo parcial, incluso cando pola carga de traballo podían ser contratos a xornada completa, ou o dereito á desconexión dixital.

Fraude na contratación temporal

Por último, a responsable de comercio de CCOO-Servizos, Patricia Mariño, deu uns apuntamentos sobre o informe elaborado pola Inspección de Traballo tras acometer un plan de choque para reducir a fraude na contratación neste sector.

A sindicalista salientou que o labor da Inspección se produciu tanto por iniciativa propia da autoridade laboral como polas denuncias presentadas polos sindicatos.  A principal conclusión do informe da Inspección de Traballo é que o comercio é o sector número 1 en fraude na contratación temporal, ao tempo que ocupa un dos primeiros postos canto á contratación a tempo parcial.

 

Comentarios
O comercio lidera a fraude na contratación temporal