A previsión inicial é que afecte durante seis meses a 212 empregados

CCOO-Industria e CIG rexeitan o ERTE na refinaría da Coruña de Repsol

A Federación de Industria de CCOO e a CIG rexeitan a regulación de emprego anunciada por Repsol Petróleo para a refinaría da Coruña, que prevé afectar durante seis meses a 212 persoas, case un terzo do cadro de persoal.
CCOO-Industria e CIG rexeitan o ERTE na refinaría da Coruña de Repsol
Refinaría de Repsol na Coruña/GREGORIO PUGA.CC BY 2.0.
Refinaría de Repsol na Coruña/GREGORIO PUGA.CC BY 2.0.
Este xoves a dirección de Repsol notificoulle á representación legal das traballadoras o inicio do procedemento establecido para os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). A compañía explica que o ERTE é necesario para reducir a actividade produtiva e, con ela, os custos operativos, dado o actual contexto de caída de prezos dos hidrocarburos e a forte contracción da demanda tanto interna como externa.

CCOO-Industria é consciente do contexto económico, pero non entende a adopción da medida contra un persoal que en cuestión dun ano pasou de ser considerado "esencial" a "prescindible". Para CCOO, a redución dos custos fixos laborais "queda moi lonxe" de ser a solución aos actuais problemas de Repsol Petróleo."Dificilmente unha parte tan pequena do problema, como os custos laborais, pode ser unha parte significativa da solución, polo que consideramos inxusta a medida", incide o sindicato.

Por último, CCOO-Industria repróchalle a Repsol Petróleo a "falta de empatía" respecto do que é o seu "principal activo, as traballadoras e traballadores".

Pola súa banda, a CIG afirma nun comunicado non "compartir nin entender ningunha das razóns que nos presenta a empresa para efectuar este movemento, mais tendo en conta que o horizonte de mellora da situación económica parece que irá ligado a un avance na vacinación da poboación mundial, feito que se está a producir agora mesmo Parécenos miserable que a empresa intente sacar tallada desta situación de pandemia para cargar nas costas dos de sempre as rebaixas salariais que propón na negociación do Acordo Marco e amedrentarnos a través dun ERTE totalmente inxustificado".

Comentarios
CCOO-Industria e CIG rexeitan o ERTE na refinaría da Coruña de Repsol