O sector conseguiu cuadriplicar o contido de PET reciclado nas súas botellas

A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural traballa para lograr a circularidade dos envases

Avanzar na circularidade dos envases é unha das proridades das empresas galegas envasadoras de auga mineral, que, aglutinadas en AGAMIN, veñen de celebrar a súa asemblea anual. Cuadriplicar o contido de PET reciclado nas súas botellas nos últimos catros anos e reducir a súa pegada de carbono un 10% respecto ao ano anterior son dous dos avances máis significativos.
A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural traballa para lograr a circularidade dos envases
Asistentes á asemblea xeral de AGAMIN, celebrada na Coruña.
Asistentes á asemblea xeral de AGAMIN, celebrada na Coruña.

A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (AGAMIN), que aglutina ás principais plantas galegas de auga mineral natural, vén de celebrar a súa asemblea anual. A xuntanza, que serve de punto de encontro e reflexión para o sector, celebrouse na Coruña, coa asistencia de Francisco Blanco (presidente) e Iván Gómez, de Fontecelta; José Manuel García e Álvaro García de Quevedo, de Cabreiroá; José Luís Rodríguez, de Agua Sana; Oliva Regueira, de Fontoira; Manuel Vázquez, de Aguas de Sousas; Manuel López e Vicente Laíño, de Aguas do Paraño; José Manuel Pousada, de San Xinés; e o xerente da Asociación, Benigno Amor.

O presidente de AGAMIN, Francisco Blanco, saudou a recente incorporación de Aguas do Paraño, salientando a importancia de seguir medrando para chegar a representar ao cen por cen do sector na nosa comunidade. Nesta liña, amosouse convencido da “importancia que ten o movemento asociativo e a súa capacidade para valorizar e achegar á sociedade as propiedades e valores da auga mineral, unhas augas puras en orixe, procedentes de acuíferos subterráneos, que contribúen aos hábitos de vida saudables”.

Un escenario difícil, marcado pola inflación e a dificultade de acceso ao PET reciclado

No transcurso da xuntanza analizouse a “difícil contorna” na que ten que desenvolverse na actualidade a actividade das empresas do sector, debido á tendencia inflacionista que se manifesta nos incrementos de custos e á dificultade de acceso ao PET reciclado. Como retos asociativos, marcáronse continuar impulsando a valorización na categoría e colaborar estreitamente coas empresas asociadas para seguir avanzando en sustentabilidade, co propósito de conseguir a plena circularidade dos envases.

O presidente fixo referencia ao recente nomeamento do vicepresidente de AGAMIN, José Manuel García, como presidente da Asociación de Augas Minerais de España (ANEABE), “asumindo o cargo nun intre de grandes retos lexislativos para o sector das augas minerais”. Así, tras ter que facer fronte á tramitación do Real Decreto de Envases e á entrada en vigor do imposto ao plástico a comezos deste ano, o sector asume este 2023 a chegada do Regulamento Europeo de Envases, unha norma que tanto desde AGAMIN como desde ANEABE se agarda que se converta nunha “oportunidade única para lograr a circularidade total do circuíto pechado para os envases de bebidas e para axudar ao sector a alcanzar os seus obxectivos en materia de circularidade”.

Pola súa parte, o vicepresidente salientou a importancia da cooperación público-privada para poder avanzar cara á plena circularidade dos envases. “Fomos e seguimos sendo a vangarda na xestión dos envases para minimizar o seu impacto ambiental. O noso sector traballou en base á estratexia marcada pola Unión Europea e agora está a facer un esforzo encomiable por cumprir coa nova normativa imposta. Con todo, para seguir avanzando cara a un planeta máis sostible, necesitamos un marco normativo que nos permita progresar, sen esquecer o impulso á competitividade das nosas empresas” -manifestou-.

Desde AGAMIN apuntan que, “desde os seus inicios, tanto en Galicia como no resto de España, as compañías de auga mineral demostraron un firme compromiso coa sustentabilidade”. A protección da biodiversidade, o camiño cara á descarbonización ou o impulso dos envases e embalaxes circulares son só algúns dos desafíos aos que se enfronta o sector para ofrecer unha bebida pura desde a orixe, á vez que sostible. Conseguiu cuadriplicar o contido de PET reciclado nas súas botellas -cun 36% de media- nos últimos catros anos; reducir a súa pegada de carbono un 10% respecto ao ano anterior; e investir no incremento da eficiencia enerxética, hídrica e de mobilidade. “Son datos que reflicten o esforzo e dedicación das empresas envasadoras na implementación de prácticas facilitadoras da súa transición cara a unha economía circular”, salientan dede o colectivo.

AGAMIN en datos

A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural creouse no ano 2011 para defender os intereses sectoriais, fomentar a mellora das empresas, a realización de accións formativas e de mellora ambiental e, en particular, para a promoción do sector das augas minerais naturais de Galicia. Xunto á Asociación de Balnearios de Galicia constitúen o Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia.

AGAMIN está integrada por un total de sete empresas de auga mineral natural. Da provincia de Lugo están representadas Aguas de Cospeito, situada no concello de Cospeito; e Fontecelta, en Sarria. Da provincia de Ourense están Cabreiroá e Aguas de Sousas, ámbalas dúas en Verín; e Aguas do Paraño, en Boborás. E na provincia de Pontevedra atópanse Agua Sana en Baiona e Sanxinés en Vilagarcía de Arousa.

O conxunto destas empresas ofrece na actualidade uns 260 postos de traballo directos e uns 1.000 indirectos. Trátase ademais de firmas que teñen un forte arraigamento e están moi vencelladas ás economías locais e comarcais, xa que as plantas de envasado localízanse en zonas da Galicia interior; zonas rurais con tendencias similares relativas a despoboación, renda per cápita baixa e presenza dunha estrutura produtiva con predominio do sector primario; actuando pois como dinamizadores socioeconómicos das súas comarcas.

A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural traballa para lograr a circularidade dos envases