Inleit, Queserías Entrepinares e Corporación Alimentaria Peñasanta
A Xunta subvenciona con 12,6 millóns investimentos en tres industrias lácteas radicadas na Comunidade
O Consello da Xunta vén de autorizar a concesión de tres axudas por parte da Consellería do Medio Rural a outras tantas industrias lácteas radicadas en Galicia por un importe total de 12,6 millóns de euros. Estes fondos permitirán mobilizar un investimento global de case 38,5 millóns de euros.
![Preto dun terzo dos beneficiarios das axudas de Medio Rural corresponden ao sector lácteo.](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/economiaengalicia/images/2018/07/26/2018072620042555716.jpg)
As axudas concedidas a Inleit, Queserías Entrepinares e Corporación Alimentaria Peñasanta permitiranlles realizar investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das súas instalacións, destinadas á transformación ou comercialización de produtos agrarios.
Estas subvencións enmárcanse na convocatoria de 2018 de Medio Rural, na que en conxunto está prevista a aprobación de 97 solicitudes cun investimento subvencionable de 89,3 millóns de euros e unha axuda total a conceder de 30,3 millóns de euros. Dentro destas achegas, as destinadas ao sector lácteo representan o 58,7% da subvención total e benefician a 30 empresas. É dicir, preto dun terzo dos beneficiarios corresponden a este eido produtivo.
A continuación, por número de beneficiarios, estarían os sectores cárnico, de alimentación animal, hortofrutícola, etc. Estas axudas encádranse no Programa de desenvolvemento rural (PDR) para o período 2014-2020, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Detalles dos proxectos
Inleit, empresa de recente constitución, está construíndo na actualidade unha planta industrial para a obtención de proteínas lácteas por técnicas de filtración no polígono de Curtis-Teixeiro (A Coruña). O proxecto obxecto desta axuda ten por finalidade a obtención dun produto (permeato en po) destinado á industria alimentaria para a elaboración de chocolates, pastelaría, sopas, salsas e outros produtos lácteos. Os investimentos que se realizarán para acadar eses obxectivos superan os 12,5 millóns de euros e recibirán unha subvención de 4,4 millóns.
No caso de Queserías Entrepinares, o proxecto pretende ampliar as liñas de fabricación das instalacións da empresa situadas en Vilalba (Lugo), introducindo novos formatos para o envasado e lascado de queixo e elaborando novos produtos. Para iso a empresa realizará investimentos en instalacións e maquinaria destinadas a ese fin por valor de 10,4 millóns de euros, recibindo unha achega de 3,6 millóns por parte da Xunta. Con esta iniciativa, a empresa, que dá emprego a 97 traballadores, ten previsto incrementar nun 50% a súa produción de queixo.
Por último, o proxecto presentado por Corporación Alimentaria Peñasanta ten por obxecto a ampliación da industria láctea situada en Lugo, coa instalación dunha nova liña de envasado de leite UHT en botella de polietileno de alta densidade, co fin de mellorar a produtividade da planta e aumentar a súa versatilidade. Esta liña permitirá adaptarse ás novas demandas do mercado de leite líquido, contribuíndo con iso a garantir a viabilidade da fábrica, aumentando o volume de leite recollido e mellorando o emprego na zona. O investimento subvencionable supera os 15,4 millóns de euros, cunha axuda de 4,6 millóns.
Nos tres casos, os investimentos iniciaranse neste ano e está previsto que rematen no 2020.