Poden solicitarse ata o 7 de marzo

Convocadas axudas para promover a igualdade laboral e a RSE e favorecer a conciliación

A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha convocatoria de axudas destinadas a pemes e persoas traballadoras autónomas que teñan persoal contratado para promover a igualdade laboral, favorecer a conciliación e promover a Responsabilidade Social Empresarial (R.SE)0.000
Convocadas axudas para promover a igualdade laboral e a RSE e favorecer a conciliación
A conselleira de Emprego e Igualdade presentou a nova web que aglutina a información sobre igualdade laboral.
A Consellería de Emprego e Igualdade desenvolveu unha web con información sobre igualdade laboral.

Este programa, dotado cun orzamento total de 1,4 millóns de euros, inclúe tres liñas de apoios, que poden solicitarse ata o vindeiro 7 de marzo. Ao abeiro desta convocatoria o pasado ano concedéronse 273 axudas a pemes e autónomos.

A Consellería de Emprego e Igualdade, dunha banda, incentivará con este programa a elaboración de diagnoses en materia de igualdade, a elaboración de plans de igualdade e a implantación das súas primeiras accións, así como a contratación dunha persoa experta para asesorar á empresa en todo este proceso. En concreto, financiarase ata o 80% os custes derivados do proceso de diagnose cun máximo de 3.000 euros nas empresas de ata 20 traballadores e traballadoras; e ata 5.000 euros nos demais casos.

Tamén apoiarase ata o 80%, os custos destinados á elaboración dun plan de igualdade -cun máximo de 1.500 euros nas firmas de ata 20 empregados e ata 3.000 euros nas restantes-; e os gastos para a implantación das medidas prioritarias previstas na primeira fase do plan de igualdade, cun máximo de 1.000 euros nas compañías de ata 20 persoas traballadoras e ata 2.000 euros nos demais supostos. Así mesmo, concederanse 12.000 euros pola contratación dunha persoa experta en igualdade. Para optar a estes apoios, as empresas deben ter un mínimo de dez persoas traballadoras e ata un máximo de 49.

Doutra parte, o Goberno galego apoia a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por traballador ou traballadora, cun máximo de 8.000 euros por empresa) e a flexibilidade horaria (8.000 euros por firma). Estes apoios incrementaranse en 1.000 euros para aqueles autónomos ou empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

Para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coa finalidade tamén de promover o uso das tecnoloxías da información e comunicación (TIC), financiarase o 80% do investimento, co tope de 1.500 euros por traballador beneficiado e cun límite máximo de 20.000 euros por empresa. Esta axuda aumentará nun 10% naquelas empresas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

As empresas que opten ás axudas para fomentar o teletraballo ou para adquirir elementos tecnolóxicos que posibiliten a súa implantación efectiva deberán contar cun mínimo dunha persoa traballadora; si se solicitan os apoios para favorecer a flexibilidade horaria, deberán contar cun mínimo de cinco traballadores.

Responsabilidade Social Empresarial

En terceiro lugar, este programa de Emprego e Igualdade tamén apoia ás empresas e autónomos na obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) financiando o 80% dos custes do proceso de certificación e/ou verificación ata un máximo de 2.000 euros por empresa. Neste caso, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco traballadoras para optar a este financiamento.

Para a concesión destas axudas, das tres liñas que prevé o programa, primarase ás empresas que teñan a unha muller como responsable da administración, aquelas que teñan implantado un plan de igualdade ou estean no proceso, que teñan un porcentaxe superior ao 50% de persoas traballadoras fixas a tempo completo ou aquelas que conten con persoas con discapacidade no seu cadro de persoal contratado no ano inmediatamente anterior á solicitude.

Convocadas axudas para promover a igualdade laboral e a RSE e favorecer a conciliación