ESTAS AXUDAS PERMITEN AOS LOCAIS COMERCIAIS DA CIDADE HISTÓRICA ACOMETER OS INVESTIMENTOS PARA ADAPTARSE Á "NOVA NORMALIDADE"

O Consorcio de Santiago axiliza o “Programa Localízate”

O Consorcio de Santiago destinará este ano un total de 35.000 euros á rehabilitación dos locais comerciais da cidade histórica a través do seu “Programa Localízate”.
O Consorcio de Santiago axiliza o “Programa Localízate”
Local comercial rehabilitado no casco histórico de Santiago.
Local comercial rehabilitado no casco histórico de Santiago.

O Consorcio de Santiago vén de desbloquear os prazos administrativos (interrompidos polo estado de alarma e permitidos de novo polo Real Decreto 465/2020) do “Programa Localízate” en base á “urxencia que teñen os comerciantes por adaptar os seus locais ás esixencias da nova normalidade”. As solicitudes poderán presentarse no rexistro do Consorcio ou en calquera outro rexistro, ata o 12 de xuño.

Adaptación de locais

Desde o Consorcio salientan que “a declaración do estado de alarma derivado da crise sanitaria global desatada polo COVID-19 tivo como consecuencia un desplome fulminante da actividade comercial e económica, coa consecuente perda de empregos. Para retomar con seguridade sanitaria moitas das actividades comerciais, boa parte dos locais e dependencias deberán ser debidamente adaptados con instalacións de separación de persoas e bens, de distanciamento persoal, mecanismos permanentes de desinfección, definición de novos itinerarios de entrada e saída… Estas subvencións permiten acometer os investimentos derivados destas adaptacións, supoñendo un aforro aos promotores, esencial no contexto de perda e merma de actividade”.

O orzamento mínimo subvencionable será de 600 euros e o máximo de 30.000 euros. A contía da axuda acadará o 40 % do orzamento aceptado. Desde o Consorcio resaltan que "as actividades de servizos (de formación, culturais, sanitarios, deportivos…), os talleres artesanais e o comercio de proximidade son o motor da actividade económica e sen a súa participación activa na vida cotiá ningunha política de rehabilitación sería válida”. 

Esta liña de axudas incentiva a rehabilitación dos establecementos da cidade histórica de Compostela, a mellora da súa accesibilidade, da súa eficiencia enerxética, da súa imaxe exterior e o seu acondicionamento interior, xunto a obras de acondicionamento acústico. Inclúense os honorarios de redacción do proxecto e a dirección técnica da obra. A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago encargarase de redactar a documentación técnica no caso das obras de pequena entidade.

.

Comentarios
O Consorcio de Santiago axiliza o “Programa Localízate”