Buscar
14:20h. Sábado, 18 de Agosto de 2018

A PREINSCRICIÓN XA ESTÁ ABERTA

As tres universidades galegas crean un Máster en Economía

O vindeiro curso comezará a impartirse o Máster en Economía, unha nova titulación interuniversitaria impartida pola Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña, coa colaboración da agrupación ECOBAS.

O vindeiro curso impartirase a primeira edición do Mestrado Interuniversitario en Economía.
O vindeiro curso impartirase a primeira edición do Mestrado Interuniversitario en Economía.

A existencia de estudos avanzados de economía e empresa é unha necesidade de toda sociedade moderna que pretenda desenvolver unha actividade económica que satisfaga as necesidades da cidadanía, e lle proporcione benestar de forma sustentable no tempo. Profesionais cunha formación avanzada nas técnicas, conceptos, teorías e metodoloxías da ciencia económica e da empresa son precisos en todos os sectores da economía de Galicia.

O obxectivo xeral deste título consiste en formar profesionais en economía e empresa cunha elevada formación académica que lles permita incorporarse á vida profesional cunha alta capacitación para a toma de decisións estratéxicas ou, de ser o caso, afrontar con éxito posteriores estudos de doutoramento.

O Máster en Economía vai dirixido principalmente a estudantes con titulacións previas como Economía, Administración e Dirección de Empresas, Matemáticas, Estatística ou as distintas ramas de Enxeñaría. Ofertará catro itinerarios: Políticas Públicas e Análise Económica Rexional, Economía e Sociedade, Economía e Finanzas, e Análise Económica.

Coordina este Máster a Universidade de Vigo, a través dos profesores Carlos Hervés Beloso, Juan Surís Regueiro, Eduardo Giménez Fernández e Manuel Varela Lafuente. Por parte da USC o coordinador é Antonio Rodríguez Sampayo e na Universidade da Coruña os profesores José Manuel Sánchez Santos e Manuel A. Gómez Suárez.

Inscricións e matrícula

A preinscrición para o mestrado xa está aberta na Universidade de Santiago, ata o 20 de xullo, sendo a matrícula do 30 de xullo ao 1 de agosto.

No itinerario da Universidade de Vigo a preinscrición realizarase entre o 22 de xuño e o 2 de xullo, nun primeiro prazo, e entre o 24 de agosto e o 3 de setembro, nun segundo prazo, sendo as datas de matrícula do 18 ao 23 de xullo para o primeiro prazo e do 14 ao 17 de setembro no segundo prazo.

En canto aos estudos que se realizan na Universidade da Coruña, abre a preinscrición o 24 de xuño e pecha o 3 de xullo, para o primeiro prazo, e volve abrir do 16 ao 31 de agosto para o segundo prazo. Pola súa banda, a matrícula realizarase entre o 20 e o 26 de xullo para os preinscritos no primeiro prazo e do 11 ao 16 de setembro para os do segundo prazo.

O Mestrado Interuniversitario en Economía está deseñado para poder ser completado nun curso académico. A súa primeira edición impartirase entre setembro de 2018 e xullo de 2019, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e na Facultade de Economía e Empresa da UDC. Durante o primeiro cuadrimestre cursaranse as materias de carácter obrigatorio que capacitarán ao alumno cos coñecementos necesarios para seguir os cursos de especialización do segundo cuadrimestre, realizar as prácticas externas e preparar o Traballo de Fin de Mestrado.