Buscar
21:30h. Martes, 16 de Octubre de 2018

27 postos están aínda vacantes

Un de cada dez contratos do programa "Ben Empregado 4" da Deputación de Lugo será indefinido

154 desempregados lucenses atoparon un posto de traballo a través do programa da Deputación de Lugo "Ben Empregado 4".

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, xunto aos deputados Sonsoles López Izquierdo e Álvaro Santos, cos participantes no "Ben Empregado 4".
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, xunto aos deputados Sonsoles López Izquierdo e Álvaro Santos, cos participantes no "Ben Empregado 4".

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, recibiu este martes na Praza de San Marcos aos 154 lucenses que retoman a súa traxectoria laboral en empresas e colectivos sociais da provincia grazas ao programa "Ben Empregado 4, máis social". Fíxoo na xornada na que traballadores e empresas se coñeceron antes de formalizar durante os vindeiros cinco días os seus contratos. O 10% dos mesmos serán indefinidos e o 90% a xornada completa segundo o compromiso asumido polas entidades participantes. No acto tamén participaron a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos.

Campos Conde destacou que “na primeira e segunda edición do Ben Empregado conseguimos unha inserción laboral do 35%, é dicir, que 171 persoas continúan a día de hoxe nos seus postos de traballo cando xa rematou o período dun ano subvencionable por parte da Deputación. Agardamos que este alto nivel de inserción laboral, que non acadan os plans de calquera outra institución, siga a medrar”. 

“Nós cremos no talento, a intelixencia e a capacidade da nosa xente e por iso investimos 2,2 millóns de euros nesta última edición deste plan de emprego. Pensamos que non hai investimento mellor que o que axuda ás persoas a ter un traballo digno e ás pemes, autónomos e asociacións lucenses a aumentar a súa actividade, o que redunda en beneficio de toda a provincia”, destacou Campos Conde.

Nova oferta de postos de traballo

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, anunciou que hoxe mesmo publicouse a relación de 27 novos postos que quedaron vacantes, de maneira que calquera desempregado lucense poderá inscribirse para optar a estas prazas na Axencia de Colocación da Deputación. 

O "Ben Empregado 4, máis social" inclúe axudas dun máximo de 22.000 euros, dirixidas a empresas e colectivos de toda a provincia, para a contratación, durante un ano, de novos traballadores cos que, ademais de facer fronte á taxa de paro, contribúese á actividade de autónomos, pemes e asociacións lucenses. O organismo provincial asume ao 100% os custos laborais de 19 traballadores con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral, ao 90% a contratación de 39 novos empregados en asociacións da provincia e o 50% de123 traballadores en xeral.