A parte sindical amosa a súa disposición a seguir negociando o convenio colectivo

Quinta xornada de folga no sector do metal da Coruña

Os traballadores do sector do metal da provincia da Coruña secundaron este martes a quinta xornada de folga en demanda dun convenio digno, un día despois da reunión da mesa de negociación que rematou sen acordo entre a patronal e os representantes sindicais.
Quinta xornada de folga no sector do metal da Coruña
Traballadores do metal de A Coruña secundaron a folga deste martes./CIG.
Traballadores do metal de A Coruña secundaron a folga deste martes./CIG.

A CIG-Industria calcula un seguimento da folga superior ao 80% nas empresas de máis de 50 traballadores e algo inferior nas compañías de menos empregados.

Como nas xornadas anteriores, dende primeira hora da mañá os piquetes informativos percorreron os polígonos de Alvedro, Sabón e Agrela na comarca da Coruña, situáronse ás portas de Navantia Fene e Ferrol e percorreron o polígono da Gándara, mentres que en Compostela recorrían o polígono do Tambre, sumando máis persoas en folga e empresas pechadas e ampliándose a presenza dos piquetes tamén a polígonos de concellos máis pequenos, como Cerceda. No caso da Coruña, ademais, o piquete desprazouse en manifestación dende Agrela até a sede da patronal ao berro de "convenio do metal solución" ou "se os prezos soben os salarios tamén".

A folga continuará este mércores, con mobilizacións convocadas no polígono de Bértoa en Carballo, desde Aluminios Cortizo en Padrón, e no polígono de Río do Pozo en Ferrol.

 

Mesa de negociación

Sobre a última reunión do convenio, Eduardo Caamaño, voceiro da CIG-Industria na mesa de negociación, cuestionaba "a capacidade desta patronal para negociar, xa que non entende cales son as liñas vermellas da parte social: que non haxa perda do poder adquisitivo e a subrogación sen limitacións".

Aínda que neste último punto a patronal amosa mellor disposición a chegar a acordo ao non pór agora limitación ao número de traballadores afectados nos servizos de mantemento, na cuestión económica "as posturas están moi afastadas". "Nós reclamamos levar a táboas o 0.5% de 2020 e o 6.5% de 2021, pero a patronal só ofrece o 3.5%", explica Caamaño. Apunta que a patronal si se moveu algo a respecto dos atrasos, pero manteñen unha rotunda negativa a que o incremento do 6.5% se consolide nas táboas salariais, cando este é a maneira de garantir que non hai perda do poder adquisitivo. "Por iso non foi posíbel o acordo"

Aínda que neste momento non hai chamamento por parte da patronal para unha nova reunión, a representación de CIG-Industria manifesta a súa dispoñibilidade a seguir negociando pero mantendo as mobilizacións previstas e poder conseguir así unhas condicións salariais que permitan ás traballadoras e traballadores do sector facer fronte á carestía da vida.

Ademais da deste mércores, hai convocadas outras catro xornadas de folga máis no mes de xuño (os días 7, 8, 28, 29 e 30 de xuño).


 

Quinta xornada de folga no sector do metal da Coruña