O documento inclúe unha entrevista coa vicepresidenta en funcións Yolanda Díaz

O Anuario do Foro Económico constata unha situación económica positiva, malia a incerteza global

O Anuario do Foro Económico de Galicia, publicación de referencia desta plataforma de transferencia de coñecemento en materia económica, foi presentado este venres no reitorado da Universidade da Coruña. 
O Anuario do Foro Económico constata unha situación económica positiva, malia a incerteza global
O Anuario do Foro Económico de Galicia foi presentado no Reitorado da UDC.
O Anuario do Foro Económico de Galicia foi presentado no Reitorado da UDC.

Na presentación deste Anuario 2023 interviron Julio Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña; Inés Rey, alcaldesa de A Coruña; Emilio Pérez Nieto, presidente do Foro Económico de Galicia; Santiago Lago Peñas, director do Foro Económico de Galicia, e José Luis Gómez, editor do Anuario 2023, que avanzou as mensaxes da vicepresidenta segunda do Goberno de España e ministra de Traballo en funcións, Yolanda Díaz, que enviou un vídeo, ademáis de ser entrevistada na obra presentada.

O Anuario do Foro Económico de Galicia constata unha situación económica positiva, con previsións de crecemento por riba do 2% para 2023, a pesar dos seus problemas de fondo e a incerteza global. O que pase en 2024 vai depender do axuste fiscal, así como da evolución dos tipos de interese e do auxe turístico, un sector diferencial e determinante para a bonanza económica e laboral do país.

A alcaldesa da Coruña salientou na presentación a importancia do Anuario e falou do liderado da área metropolitana da Coruña na Galicia empresarial, algo que agarda que comprenda mellor o Goberno de Galicia á hora de mirar a Vigo e A Coruña, como polos económicos da comunidade. Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña asumeu o reto pendente de reforzar a colaboración entre as empresas e o Sistema Universitario Galego, e puxo en valor as iniciativas da UDC no campus de Ferrol, de base industrial, e no da Coruña, no que destacou o proxecto da Cidade das TIC.

Entrevista a Yolanda Díaz

 O Anuario 2023 recolle nesta edición unha entrevista a fondo, concedida en exclusiva ao Foro Económico de Galicia, pola vicepresidenta segunda do Goberno de España e ministra de Traballo en funcións, Yolanda Díaz. Nesta entrevista que firma o xornalista José Luis Gómez, tamén editor do Anuario 2023, Díaz mantén a súa firme convicción de establecer un acordo sobre salarios. Ata este momento, segundo observa, o aumento nos custos da enerxía e outras materias primas importadas traduciuse maiormente nun incremento dos prezos, superando o crecemento dos salarios nominais, que foi bastante moderado, matiza. Ante un pacto de rendas, que ve “imprescindible”, expresa a súa preocupación pola distribución “desigual” dos efectos da inflación.

Orgullosa por alcanzar por primeira vez a cifra de máis de 21 millóns de empregados, e cun 80% do incremento en emprego asalariado durante o último trimestre de carácter indefinido, a ministra de Traballo en funcións subliña que as forzas progresistas teñen a responsabilidade de resaltar a relevancia da competencia nas economías de mercado. Así mesmo, Yolanda Díaz salienta que é imperativo recoñecer que a reforma do mercado laboral e a xeración de emprego de calidade están a demostrar ser a vía máis efectiva para asegurar un aumento nas contribucións, o que á súa vez sustentaría unhas pensións adecuadas.

Yolanda Díaz non elude na entrevista ningún dos grandes asuntos que están na axenda económica. Tampouco outros temas que teñen que ver coa súa relevancia política en Galicia ou os seus criterios en materia de igualdade.

Potenciais de Galicia e retos pendentes

Na súa introdución ao Anuario, Emilio Pérez Nieto e Santiago Lago, presidente e director do Foro Económico de Galicia, analizan a conxuntura actual, pero tamén lanzan ideas e propostas. Galicia, segundo explican, ten a oportunidade de sobresaír no escenario europeo debido ao seu potencial enerxético, a expansión da dixitalización e a produción agroalimentaria de calidade, todo iso apoiado por un enfoque na sustentabilidade. Pérez Nieto e Santiago Lago son optimistas, pero tamén autocríticos, por iso é polo que destacan retos pendentes na súa lista de tarefas. Galicia, segundo explican, ten a oportunidade de sobresaír no escenario europeo debido ao seu potencial enerxético, a expansión da dixitalización e a produción agroalimentaria de calidade, todo iso apoiado por un enfoque na sustentabilidade.

Pérez Nieto e Santiago Lago son optimistas, pero tamén autocríticos, por iso é polo que destacan retos pendentes na súa lista de tarefas. A integración da universidade coas administracións públicas, a sociedade e as empresas é, ao seu xuízo, insuficiente. O Sistema Universitario Galego debe actuar como un apoio esencial para as institucións públicas e privadas, aproveitando o talento das primeiras e respondendo ás crecentes necesidades das segundas nunha contorna cada vez máis complexa. Tamén ven crucial apoiar aos emprendedores e non perder nin unha boa idea no proceso. A burocracia debe reducirse significativamente, xa que actualmente paraliza sen achegar valor en seguridade ambiental e laboral.

Para o presidente e o director do Foro Económico de Galicia, a experiencia mostra que non basta con cambiar leis; é necesario transformar radicalmente a cultura e a organización dentro da administración pública para que non limite o dinamismo dos tecidos empresarial e social galegos. Tamén consideran urxente impulsar o crecemento das pemes, conscientes de que as empresas familiares son especialmente relevantes para Galicia, xa que constitúen a súa base produtiva e merecen un enfoque especial.

No ámbito do turismo, as cifras de visitantes están a evolucionar positivamente, “pero non debemos pasar por alto as súas deficiencias e debilidades, así como a necesidade dunha planificación máis sólida”, advirten Pérez Nieto e Santiago Lago. Finalmente, mencionan a necesidade de completar a conexión ferroviaria entre as cidades para gañar masa crítica, non quedar excluídos do corredor atlántico de mercadorías e coordinar de maneira efectiva aeroportos e portos.

Expectativas económicas

Na súa análise de conxuntura para o Anuario, Fernando González Laxe, José Francisco Armesto e Patricio Sánchez, membros do Foro Económico de Galicia e autores dos informes de Conxuntura, consideran que, aínda que non se despexaron do todo os nuboeiros, o panorama económico ten mellorado. Tanto no campo das previsións como no das expectativas, os organismos internacionais proclaman mellores escenarios de futuro. E en canto a Galicia, destacan en primeiro lugar que o seu PIB real alcanzou no cuarto trimestre de 2022 o nivel precrise, en contraste co que sucedía no conxunto de España, cuxo PIB se atopaba nesa data aínda seis décimas por baixo.

Sobre os corredores europeos e a vertebración de Galicia, Fernando González Laxe, catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, explica que a construción de infraestruturas, e máis en concreto as que fan mención ao ferrocarril, viñeron sendo xustificadas baixo unha tripla referencia: como un instrumento do desenvolvemento rexional; como unha contribución á mellora da competitividade, e como aquelas que xeran unha mellor vertebración do territorio. 

Desde a Universidade de Santiago de Compostela, María Cadaval, profesora de Economía Aplicada, e María Loureiro, catedrática de Economía, sosteñen que a Unión Europea ten aprobado un ambicioso plan para impulsar a recuperación e transformación da economía tras a pandemia, outorgando unha importancia significativa a España polo impacto diferenciado da crise. Por iso, a súa execución será determinante no futuro da economía nacional e de comunidades autónomas como Galicia.

A catedrática e coordinadora do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, ve a Intelixencia Artificial esencial para a economía mundial de hoxe en día. Boa proba diso é que, segundo o 2022 AI Index Report, o investimento privado no ano 2021 aumentou un 103% con relación ao ano anterior, á vez que descendía o número de compañías que se fundan anualmente: das 1051 en 2019 ás 746 de 2021.

O Anuario do Foro Económico constata unha situación económica positiva, malia a incerteza global