Volven os luns ao sol

Volven saltar as alarmas no sector naval coa posibilidade de que o cruceiro Evrima non volva ao estaleiro vigués Barreras. O que nos preguntamos é se esta noticia colleu por sorpresa a alguén, porque dende a CIG levamos tempo denunciando que a súa marcha precipitada e sen que se planificasen os traballos coas empresas auxiliares derivaría nesta situación.

Pero o futuro do estaleiro, e así o temos manifestado, non depende unicamente de que se remate ou non o cruceiro nas súas instalacións, porque a problemática de fondo é que Barreras non dispón de carga de traballo, por moitos anuncios mediáticos de futuribles proxectos que ao final nunca se concretan e aos que xa estamos acostumados no sector. Como o suposto segundo cruceiro para Ritz Cartlon, que non remate de arrincar, e que representa un claro síntoma da falta de compromiso da dirección co futuro do estaleiro.

Todos estes anuncios propagandísticos buscan provocar un efecto somnífero nos traballadores/as e nunha industria auxiliar castigada novamente coas importantes débedas xeradas. O que non se pode agochar é que as gradas están aínda ocupadas polo proxecto frustrado dos ferris para Havila, polo que, aínda que se confirmase unha contratación, sería irrealizable.

Neste contexto, a posibilidade de que o principal estaleiro do Estado español -e que conta coa maior capacidade de creación de emprego- entre en fase de liquidación é cada vez máis real.

Atopariámonos diante dun novo Vulcano, doutro exemplo do abandono ao que está sometido o naval galego dende hai anos por parte das distintas administracións. Nos últimos días estamos a asistir a declaracións nas que se dá por morto o naval e nas que incluso se compara o seu impacto socioeconómico co da loxística no Porto de Vigo. Para nós, o debate debera xirar arredor da racionalización dos actuais espazos portuarios e na infrautilización da Plisan, na que se investiron moreas de cartos públicos.

O que si está claro é que un estaleiro é inviable lonxe do mar, como tamén o está a súa capacidade para xerar milleiros de postos de traballo. De feito, a principios dos anos 90 a contratación naval atravesou un importante baixón, demostrando que se trata dunha industria cíclica. Imaxinemos o que sucedería se nese momento se tivese apostado polo peche dos estaleiros pola falta de carga de traballo: teríase frustrado un dos períodos máis frutíferos en termos de contratación e creación de emprego, cunha media anual de 10.000 traballadores na provincia de Pontevedra entre os 1995 e 2009.

Pero non deberiamos esquecer que esta etapa tan produtiva se viu interrompida polo inicio dun novo proceso de desmantelamento do sector naval galego aproveitando a denuncia presentada por Holanda contra o sistema de bonificación fiscal (tax lease). A inoperancia da Unión Europea e dos Gobernos español e galego á hora de axilizar unha nova ferramenta fiscal que evitase a parálise do sector provocou a desaparición de estaleiros e de boa parte da industria auxiliar, derivándose naqueles anos a carga de traballo a outros estaleiros europeos en Holanda, Francia, Noruega, etc.

A falta dunha política industrial que responda aos intereses do noso país en xeral, e da construción naval en particular, condena as persoas traballadoras ao paro, á emigración ou á precariedade. Por iso ao mellor non está de máis que lle solicitemos ao Concello de Vigo a colocación de máis bancos na cidade, porque volven os luns ao sol.

César Rodríguez, responsábel do naval da CIG-Industria de Vigo

Comentarios