O que non debemos esquecer

O Covid-19 sorprendeunos a todos como un auténtico tsunami do que aínda non percibimos os seus efectos en toda a sua magnitude.

Atrapounos cando aínda non todas as batallas en materia de igualdade de oportunidades, de paridade de sexos, de equidade representativa estaban gañadas.  Chegou precisamente no mes de marzo, cando -un ano máis- tocaba facer balance dos logros conseguidos e as tarefas pendentes.

Sen dúbida o 8 M de 2020 quedará para a historia por diversas razóns. Pero non se trata,  nin hoxe nin aquí, de botar culpas ou facer reproches a ninguén.  Resulta moito máis preocupante neste momento o que nos depara o futuro.

Os avances producidos en materia de igualdade ata este fatídico 2020 están a ser, innegables. A aprobación unánime dun pacto de Estado en materia de violencia de xénero, que non se limite á actuación a posteriori en caso de violencia, senón que se actúe de maneira preventiva, é un logro sen precedentes.

Logrouse que a fenda salarial deixase de ser un mero slogan simplista  para se converter nun asunto abordado con rigor nas empresas. Os plans de igualdade empezaban a ser concibidos como unha ferramenta real para implantar medidas concretas que permitan avances en materia de conciliación,  flexibilidade laboral, acceso das mulleres aos postos directivos... E parecía que ao cabo comezaba a callar a idea de que un plan de igualdade non é (ou non debe ser) un documento que se garda nun caixón á espera de que algún día sirva para obter un punto nunha subvención pública.

Desde fai xa moitos marzos a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes conseguiu situarse niso que coñecemos como axenda política, ese calendario intanxible que cualifica as cousas como importantes ou irrelevantes.

Con distintas visións da equidade, con percepcións moi dispares do concepto do feminismo ou loita pola igualdade da muller, con oportunismo político, con  radicalidade, con  negacionismo, con espíritos máis ou menos tolerantes, pero conseguiuse que desde as institucións do Estado ata a rúa, a igualdade entre sexos fose percibida como un reto de todos porque beneficia a todos.

Pero o  Covid-19 e a crise económica que está a provocar ameaza con relegar a un segundo plano as grandes tarefas que aínda están pendentes neste eido.

É moi probable que diante dunha situación de emerxencia, a igualdade pase a ser percibida como un asunto de segundo rango. É moi posible que os empresarios non se sintan tan preocupados hoxe pola necesidade de implantar medidas de conciliación, cando o que se están xogando é nin máis nin menos que a supervivencia das empresas.

Igualmente cabe pensar que para a propia Administración pública sexa máis urxente atender as necesidades máis básicas tanto de familias como de empresas e autónomos.

Nembargantes convén advertir que a igualdade de xénero non debe ser relegada a un segundo plano. Por múltiples razóns pero, ante todo, por unha moi poderosa: a de que serán as mulleres as primeiras castigadas desta crise. Son elas as raíñas do traballo precario, as raíñas da media xornada, as maioritarias no sector servizos e as que normalmente están más cerca da porta que leva ao desemprego.

Non o esquezamos.