Imprimir

Aberta a presentación de solicitudes das axudas do Plan de Emprego Local

Redacción Economía en Galicia | 21 de marzo de 2019

O presidente da Deputación da Coruña nunha presentación do Plan de Emprego Local.
O presidente da Deputación da Coruña nunha presentación do Plan de Emprego Local.

Este xoves 21 de marzo abriu o prazo de presentación de solicitudes das axudas do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña para a anualidade 2019, dirixidas a pequenas, medianas empresas, microempresas e autónomos.

Segundo explicou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o obxectivo das axudas "é contribuír á consolidación e fortalecemento do tecido empresarial nos concellos da provincia da Coruña, axudando ás pequenas empresas, autónomos e emprendedores na creación de emprego e no financiamento de investimentos e actividades".

González Formoso destacou que é o terceiro ano que se convocan estas liñas de axudas, que en 2019 suporán un investimento de 5.260.000 euros, dos que 3 millóns se destinan a subvencionar a contratación de traballadores e 2,26 millóns a financiar novos investimentos en actividades en empresas de recente creación.

PEL-Pemes subvenciona ata o 75% na contratación de persoal

A liña PEL-Pemes subvencionará ás pemes situadas nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña para a contratación laboral dunha persoa en situación de desemprego durante un período de 12 meses. A Deputación financiará o 75% do soldo e a Seguridade Social do/a traballador contratado, ata un máximo de 16.500 euros anuais.

Habilítase tamén unha liña PEL-Pemes Mantemento, que subvencionará as contratacións laborais indefinidas das entidades subvencionadas na convocatoria anterior do programa, de maneira que os beneficiarios da convocatoria anterior poidan optar a unha nova axuda para manter o posto de traballo creado en 2018 durante 12 meses máis, financiándose o 50% do soldo e Seguridade Social cun importe máximo da axuda de 11.000 euros.

PEL-Emprende, axudas para investimentos e actividades

Na liña PEL-Emprende Investimento financiaranse a realización de investimentos en bens inventariables novos e necesarios para o desenvolvemento da actividade en empresas cunha antigüidade máxima de 5 anos. As axudas cubrirán ata o 80% do investimento, cun máximo de 20.000 euros de axuda a fondo perdido, para a compra de aplicacións informáticas, maquinaria, útiles, mobiliario e equipos para procesos de información.

Na liña PEL-Emprende Actividades contémplanse axudas para subvencionar as actividades e/ou actuacións no desenvolvemento da iniciativa empresarial nos ámbitos de Responsabilidade Social Empresarial, Marketing, comunicación, competitividade e expansión en empresas cunha antigüidade máxima de 10 anos. As axudas cubrirán ata o 80% do orzamento da actividade, cun máximo de 4.800 euros.

O prazo de presentación das solicitudes para estas axudas pechará o día 22 de abril.

 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/ayudas-y-subvenciones/aberta-presentacion-solicitudes-das-axudas-do-plan-emprego-local/20190321125151010092.html


© 2019 Economía en Galicia

Contacto: [email protected] - [email protected]  

Aviso legal