Fondos da Axencia Estatal de Investigación

A UVigo recibe máis dun millón de euros para nove proxectos “proba de concepto”

A Axencia Estatal de Investigación vén de concederlle á Universidade de Vigo algo máis dun millón de euros  para a posta en marcha de nove proxectos de Proba de Concepto, traballos dirixidos a acelerar a transferencia de coñecemento e os resultados xerados en proxectos de investigación básica, en progreso ou recentemente finalizados dentro do Plan Estatal de Investigación. 
A UVigo recibe máis dun millón de euros para nove proxectos “proba de concepto”
O  programa Investigo promove  a contratación de mozos desempregados en actividades de I+D+i.
Persoal investigador do Cintecx./ DUVI.

A convocatoria da Axencia Estatal de Investigación (AEI), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, contou cun orzamento total de 40 millóns de euros, financiados con fondos Next Generation EU, que foron repartidos entre máis de 80 organismos, entre eles a Universidade de Vigo, a quen lle foron concedidas 9 das 17 solicitudes presentadas, o que supón máis dun 50% de éxito acadado. O orzamento total destas axudas (1.089.970) supera en 400.000 euros os conseguidos na anterior convocatoria. 

“A Universidade de Vigo xa tiña unha forte traxectoria en transferencia do coñecemento e isto maniféstase no éxito acadado, tanto nesta como na pasada convocatoria”, explica a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación Belén Rubio, quen subliña que máis do 75% (822.335 euros) do financiamento acadado corresponde a centros como Cintecx e atlanTTic, nos que predomina a transferencia como un efecto tractor no motor económico industrial para Galicia, con temáticas tan diversas que afectan ao transporte, a enerxía, a sostibiiidade, e incluso ferramentas aplicadas á medicina e a saúde.

“Case o 25% restante corresponde a proxectos no marco do recén creado Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, de cara a transición de sistemas agroalimentarios máis resilientes, sostibles, seguros e circulares”, explica a vicerreitora, quen considera que esta intersección ou sinerxia da investigación entre a agricultura e a alimentación desde enfoques agroecolóxicos, “promoverá unha especialización intelixente baseada na colaboración con empresas e a xeración de impacto en produtos innovadores”. 

En concreto, seis proxectos tecnolóxicos están vinculados co Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais  (un proxecto do equipo  EQ10, dous do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, dous do Grupo de Tecnoloxía Enerxética, e un subproxecto dun traballo liderado desde a USC e coordinado na UVigo polo profesor Enrique Casarejos, do Grupo de Deseño e Simulación numérica en enxeñaría mecánica). Tamén se apoia un proxecto de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, e dous  vinculados ao recén creado Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (do Grupo de investigación agrarias e agroalimentarias e do Grupo de Agrobioloxía Ambiental).

Facilitar a transferencia de resultados

Os fondos destinaranse, tal e como se estipula na propia convocatoria das axudas, a financiar actividades de desenvolvemento, valorización, protección, transferencia e explotación dos resultados da investigación. Non se trata de continuar a investigación dos proxectos previos, senón de emprender accións dirixidas a progresar nas primeiras etapas do desenvolvemento pre-competitivo e facilitar a transferencia ou explotación dos resultados, xa sexa en forma de produtos, bens, servizos ou calquera outra aplicación que sexa beneficiosa para a economía, a sociedade, a cultura ou as políticas públicas.

A UVigo recibe máis dun millón de euros para nove proxectos “proba de concepto”