Entrevista a Verónica Bolón, investigadora do CITIC encargada de dirixila

A UDC sitúase á vangarda da formación coa Cátedra ENIA de Algoritmos Verdes

Verónica Bolón é investigadora do CITIC (Centro de Investigación en TIC) e líder do grupo da Universidade da Coruña (UDC) que dirixirá a Cátedra ENIA de Algoritmos Verdes, unha aposta da universidade galega pola investigación, formación e transferencia.

A UDC sitúase á vangarda da formación coa Cátedra ENIA de Algoritmos Verdes
Verónica Bolón liderará a Cátedra ENIA de Algoritmos Verdes da UDC.
Verónica Bolón liderará a Cátedra ENIA de Algoritmos Verdes da UDC.

A Cátedra ENIA de Algoritmos Verdes da Universidade da Coruña (UDC) dálle continuidade aos estudos sobre algoritmos de intelixencia artificial que vén desenvolvendo o CITIC desde hai anos e que agora materializa nunha nova aposta pola transferencia de coñecemento, servindo de catalizador para a colaboración entre a universidade e a empresa.

Verónica Bolón, a investigadora que lidera o grupo que dirixirá esta cátedra, ve en Inditex o “socio estratéxico para desenvolvela xa que, ademais de servir de plataforma de testeo e escalado de resultados e de acoller o programa de prácticas, permite abordar novos retos aos que se enfronta a industria”.

Entre as fortalezas da cátedra destaca tamén o seu ambicioso plan de formación con diferentes niveis educativos, permitíndolle á UDC situarse á vangarda da formación máis especializada e da profesionalización laboral.

A posta en marcha da cátedra evidencia, a xuízo da investigadora do CITIC da UDC, o necesario enfoque ético da IA, que afecta tamén ao plano da sustentabilidade, regulando o impacto no medio ambiente da IA. Unha cuestión que máis pronto ca tarde terá que abordar o Dereito Ambiental internacional.

Un equipo liderado por vostede logrou a Cátedra en Algoritmos Verdes, unha das 21 cátedras ENIA (Estrategia Nacional en Inteligencia Artificial) que concede o Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública. Cales considera que foron os puntos fortes para a concesión da cátedra?

Verónica Bolón: "Presentamos unha proposta moi sólida, tanto desde o punto de vista da investigación (avalado por un equipo de profesionais referente no campo), coma coa inclusión dunha forte aposta pola divulgación, a formación, e a transferencia de resultados. Na Universidade da Coruña e no CITIC levamos anos traballando no desenvolvemento de algoritmos de intelixencia artificial, nos últimos anos cun enfoque na sustentabilidade dos modelos. Ademais diso, é innegable que a consecución da sede da AESIA foi un impulso para a cidade da Coruña e para o seu ecosistema universitario e empresarial, ao mesmo tempo recoñecendo a súa calidade".

Precisamente, agora fálase moito da perspectiva ética da IA, pero que se debería abordar primeiro, a ética ou a ambiental? Ou, quizás, deberían ir da man no seu regulamento?

V.B.: "Realmente a cuestión medioambiental tamén é unha cuestión ética. É ético que o adestramento dun dos grandes modelos de linguaxe consuma tanta enerxía coma un fogar español medio durante 23 anos? É ético que un hipercentro de datos consuma tanta auga cada 30 minutos coma unha persoa española nun ano? Ata agora, cando se falou da ética da IA, estivemos máis centrados na perspectiva da persoa como tal (que unha persoa entenda a saída dun sistema de IA, que non discrimine ás persoas, etc.), pero creo que debemos dar un paso máis e estudar tamén as cuestións éticas que involucran ao medio ambiente, que nos afecta a todos e a todas.

A proposta da cátedra inclúe un ambicioso plan de formación en IA verde, que se desenvolverá en diferentes niveis educativos, dende a formación predoutoral ata a capacitación profesional. Pode explicarnos as principais liñas mestras do mesmo?

V.B.: A cátedra fai unha forte aposta pola formación de profesionais nesta nova liña de investigación que é a Intelixencia Artificial Verde. Desenvolveranse novos plans de formación a nivel de grao, posgrao e educación continua, que inclúen un programa de microcredenciais asociadas a cada unha das catro liñas de investigación da cátedra e que conducirán á obtención dun Nano Máster. Ademais, deseñarase un curso experto para a capacitación profesional e esperamos crear un novo programa de doutoramento en IA".

Entre as actuación previstas inclúen un curso experto en IA Verde para ofrecer formación avanzada e práctica na materia. Estase xa a demandar este tipo de formación ou está a UDC a ir un paso por diante?

V.B.: "Os cursos expertos son estudos superiores de posgrao que teñen como obxectivo principal proporcionar unha formación profesional con elevado grao de especialización e enfocada no mercado de traballo. Son programas relativamente curtos, con menor carga docente que os mestrados. É un tipo de formación cada vez máis demandada que, neste caso, está dirixido a profesionais interesados en desenvolver competencias en IA e algoritmos verdes. É un curso ideal para académicos, enxeñeiros, científicos de datos, responsables de innovación, responsables de sustentabilidade ou consultores, entre outros. A UDC sitúase así á vangarda da formación máis especializada á profesionalización laboral".

Vostede defende unha “etiquetaxe verde” sobre boas prácticas medioambientais de IA, similar á dos electrodomésticos. Tamén está o consumo enerxético ou a fabricación de modelos de IA. Por onde debemos empezar?

V.B.: "Na miña opinión, é absolutamente necesario concienciar á sociedade sobre o consumo enerxético que supoñen os grandes modelos de IA. Hai estudos que estiman que para o ano 2030, os grandes centros de datos serán responsables do 21% do consumo enerxético mundial, pero a xente non é consciente deste problema porque tendemos a ver esta tecnoloxía como algo etéreo. Sen embargo, cando buscamos billetes de avión, é habitual que cada opción de voo traia aparellada a súa estimación de emisións de CO2. Tamén estamos acostumados a que os electrodomésticos que temos nas nosas casa veñan cunha etiqueta sobre a súa eficiencia enerxética. Por iso, eu creo que os modelos de IA tamén deberían indicar o seu impacto no medioambiente, para que sexa posible que esta información nos axude a decantarnos por un ou outro modelo.

Outra das actuacións previstas na Cátedra é a realización dun ciclo de conferencias: “Converxencia Verde: IA para un futuro sustentable". A quen vai dirixido?

V.B.: "O ciclo de conferencias ten como obxectivo reunir a expertos en intelixencia artificial e algoritmos verdes para abordar os desafíos e oportunidades que se presentan neste campo. Está dirixido principalmente a investigadores na área da intelixencia artificial ou relacionadas, con certo nivel de especialización xa que serán relatorios técnicos".

A cátedra ten previsto un programa de prácticas en empresas. De feito, o traballo colaborativo é un dos sinais de identidade do seu centro, o CITIC, como lle inflúe á hora de impulsar este tipo de iniciativas?

V.B.: "O CITIC ten un compromiso claro coa transferencia de coñecemento, e serve de catalizador para a colaboración entre universidade e empresa. Por iso, entre as actividades da Cátedra, creemos que é moi importante engadir un programa de prácticas en empresa. É importante destacar que A Coruña conta cun forte ecosistema TIC privado de grandes empresas e start ups. Ademais, o parque tecnolóxico Cidade das TIC creará un polo de innovación tecnolóxica de referencia, que atraerá a empresas do sector e poderán colaborar con esta actividade.

Precisamente, a cátedra levarase a cabo en colaboración con Inditex, que papel vai ter a empresa no desenvolvemento da mesma?

V.B.: "Inditex é, sen dúbida, un socio estratéxico para desenvolver esta Cátedra. A súa incorporación permítenos abordar novos retos aos que se enfronta a industria e por outra parte servir de plataforma de testeo e escalado dos resultados que se vaian xerando no marco da Cátedra. Neste sentido, Inditex xa está incorporando a IA, a automatización e o big data á súa estratexia de negocio e á súa cadea de subministro como aposta decidida. Realizaranse varias actividades en colaboración con Inditex coma o programa de prácticas en empresa ou a realización de conferencias en colaboración.

En España, o plan nacional de algoritmos verdes propón un sistema de certificación voluntario para empresas tecnolóxicas verdes, cre que este sería o camiño axeitado ou que debería ser obrigatorio? Cal é a tendencia a nivel internacional?

V.B.: "Polo momento, todas as accións encamiñadas (tanto nacionais coma internacionais) a regular o impacto no medio ambiente da IA son voluntarias ou simples recomendacións. Penso que é un primeiro paso, pero que é necesario que se dea un paso máis e se avance decididamente cara a regulación deste aspecto. O Dereito Ambiental deberá enfrontarse, máis pronto ca tarde, a este novo reto".

A UDC sitúase á vangarda da formación coa Cátedra ENIA de Algoritmos Verdes