O 29 de xuño, en Ferrol

O VI Encontro de Deseño para a innovación empresarial porá o foco na economía, a sociedade e o medio ambiente

A Axencia Galega de Innovación celebra este xoves 29 de xuño en Ferrol a sexta edición do Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial en Galicia, co que a Xunta de Galicia conmemora o Día Mundial do Deseño Industrial.
O VI Encontro de Deseño para a innovación empresarial porá o foco na economía, a sociedade e o medio ambiente
O VI Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial en Galicia celebrarase en Ferrol.
O VI Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial en Galicia celebrarase en Ferrol.

O evento, que terá lugar no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol, busca seguir abrindo canles de contacto e colaboración entre profesionais do deseño e empresas galegas, especialmente as pemes. Nesta edición ponse o foco no impacto do deseño sobre a economía, a sociedade e o medio ambiente, en liña coas prioridades do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - Diferenza da Xunta de Galicia, no marco do que se celebra o encontro.

As persoas participantes terán acceso a unha visión práctica e aplicada sobre o tema a través das intervencións de empresas con experiencia sobre a medición do impacto do deseño na estratexia de negocio e o seu papel como ferramenta para unha innovación inclusiva, o emprendemento social e o desenvolvemento sustentable.

A repercusión económica do deseño será abordada por representantes do despacho de avogados Gabeiras & Asociados, enfocado no impacto responsable da actividade legal; e do estudio de deseño Desoños, que busca a sintonía entre tecnoloxía e artesanía, tradición e innovación.

Na esfera da repercusión social do deseño, DesignThinking.gal expoñerá a súa aposta pola innovación inclusiva e diversa a través de metodoloxías de deseño e Envita presentará a súa experiencia no deseño de solucións dixitais para o emprendemento social no ámbito da atención ás persoas maiores.

A capacidade do deseño para contribuír ao desenvolvemento sustentable correrá a cargo de Sinerxia Plus, especializada no impulso dos sectores pesqueiro e agroalimentario, e The Painter's Wife, fabricante de accesorios para mascotas que prioriza valores como a produción local e o benestar animal.

Inscrición aberta

A cita está aberta á inscrición para profesionais do deseño de todas as áreas de especialización (gráfico, estratéxico, de espazos, dixital, de moda e industrial e de produto), estudantes e representantes de empresas e outras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación, competitividade e sustentabilidade nas súas organizacións. A inscrición pode formalizarse na web da Axencia Galega de Innovación. 

O VI Encontro de Deseño para a innovación empresarial porá o foco na economía, a sociedade e o medio ambiente