O PARQUE TECNOLÓXICO CELEBRA O SEU 25º ANIVERSARIO

A Tecnópole presenta a súa memoria de actividade e o mapa de apoios á innovación de Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, participou no último almorzo tecnolóxico da tempada no Parque Tecnolóxico de Galicia no que presentou o mapa de apoios á I+D+i que a Axencia está despregando durante 2017 diante de 30 representantes de empresas e outros axentes do sistema galego de innovación instalados no parque tecnolóxico e a súa área de influencia.

A Tecnópole presenta a súa memoria de actividade e o mapa de apoios á innovación de Galicia
Patricia Argerey na súa intervención nos almorzos tecnolóxicos da Tecnópole./E. REPETSKAYA.
Patricia Argerey na súa intervención nos almorzos tecnolóxicos da Tecnópole./E. REPETSKAYA.

Na súa intervención, Argerey fixo un balance da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) así como da situación actual da I+D+i en Galicia. A directora de Gain lembrou que a RIS3 xa mobilizou 786 millóns de euros no período 2014-2016, dos que 429 millóns foron de fondos públicos, e, ao seu amparo, concedéronse 1.700 axudas. O 70% destas axudas tiveron como destinatario empresas e, destas, o 48% eran pemes.

Paralelamente, o gasto en I+D sobre o PIB no periodo 2013-2015 en Galicia medrou un 2,29% segundo os datos publicados polo INE mentres que no conxunto do Estado descendeu un 3,93%. Ademais, Galicia triplicou a porcentaxe de proxectos europeos liderados e duplicou os fondos conseguidos en Horizonte 2020 respecto do VII Programa Cadro.

Argerey presentou os instrumentos que a Axencia Galega de Innovación está despregando en 2017, un mapa de apoios que cubre o ciclo completo da innovación, desde os contratos pre e postdoutorais convocados conxuntamente coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pero tamén o programa Oportunius para a contratación de gañadores dunha bolsa ERC (European Research Council) e o apoio a investigadores finalistas; o programa Principia para a contratación de persoal cualificado por parte de empresas e entidades de investigación e a creación dunha nova liña de axudas para captar e reter talento.

Pola súa banda, no ámbito do apoio á transferencia de tecnoloxía, daráselle continuidade ao programa Ignicia proba de concepto de transferencia de innovación ao mercado, e seguirase axudando aos centros tecnolóxicos e unidades de investigación competitivas a través das convocatorias de consolidación e estruturación.

No eido do apoio ás pemes, a principal novidade é o lanzamento dunha nova convocatoria de axudas para que pemes e microempresas implementen plans de innovación. Ademais, anunciou que se prevé unha nova convocatoria do programa Conecta Peme para finais de ano e explicou os instrumentos financeiros innovadores que se poñerán en marcha ademais dos fondos de capital risco I2C, Xesinnova e Galicia Iniciativas Emprendedoras (GIE) e os novos préstamos de innovación. 

No tocante á atracción de empresas tractoras cara Galicia, está actualmente aberto o prazo de presentación de solicitudes para a creación e consolidación de Unidades Mixtas de Investigación. E no ámbito do apoio ao emprendemento innovador, Argerey presentou a Rede galega de aceleradoras impulsada pola Xunta.

Memoria do 25º aniversario da Tecnópole

No marco deste almorzo, presentouse tamén a memoria dos 25 anos do Parque Tecnolóxico de Galicia, situado en Pereiro de Aguiar (Ourense). Neste período Tecnópole acolleu un total de 284 empresas, centros tecnolóxicos e entidades relacionadas coa innovación. A sociedade xestora participou en 28 proxectos de I+D+i e promoveu a posta en marcha de tres instalacións científico-tecnolóxicas ao servizo de todo o tecido empresarial galego: un laboratorio de biotecnoloxía, un centro de tecnoloxías médicas avanzadas e un centro experimental de enerxías renovables. Actualmente, o número de empresas e centros de Tecnópole ascende a 114, con máis de 1.200 traballadores. 

Comentarios
A Tecnópole presenta a súa memoria de actividade e o mapa de apoios á innovación de Galicia