O 16 de xaneiro

A Real Academia Galega de Ciencias abre o curso cunha lección maxistrtal sobre Intelixencia Artificial

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará este 16 de xaneiro a apertura do seu curso académico 2023, cunha lección maxistral sobre a Intelixencia Artificial a cargo do académico e catedrático da Universidade de Santiago Senén Barro.

A Real Academia Galega de Ciencias abre o curso cunha lección maxistrtal sobre Intelixencia Artificial
Senén Barro, académico da RAGC e catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC./R.VAAMONDE.
Senén Barro, académico da RAGC e catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC./R.VAAMONDE.

Ao evento, que terá lugar no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, ás 19 horas, asistirán o presidente da RAGC, Juan Lema, e o resto do equipo de goberno da Academia, outras académicas e académicos e diversas autoridades como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a subdirectora xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa, Inmaculada Fernández; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri; e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; entre outros representantes de institucións políticas, culturais e académicas galegas.

Lección maxistral sobre Intelixencia Artificial

No transcurso do evento, o académico numerario da Sección de Ciencias Técnicas da RAGC Senén Barro (As Pontes, 1962) impartirá unha lección maxistral baixo o título “Intelixencia Artificial: o noso último invento”. Barro é doutor en Física (premio extraordinario), catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e director científico do CiTIUS da Universidade de Santiago. Foi reitor da Universidade de Santiago, vicepresidente da “Conferencia de Rectores de Universidades Españolas”, e presidente de RedEmprendia.

Barro é editor ou autor de sete libros e autor de máis de 300 artigos científicos, vencellados na súa maioría á Intelixencia Artificial. É socio fundador das spin-off SITUM Technologies e InVerbis. En 2020 recibiu o Premio Nacional de Informática José García Santesmases da SCIE-Fundación BBVA.

Durante o evento terá lugar ademais a toma de posesión da nova Comisión Executiva da Real Academia Galega de Ciencias.

A Real Academia Galega de Ciencias abre o curso cunha lección maxistrtal sobre Intelixencia Artificial