ENTREGA DOS IV PREMIOS PARAUGAS

Profesionais da comunicación e do marketing comparten experiencias no 7º Foro da Comunicación de Galicia

Máis de 600 profesionais do sector da comunicación e o marketing asistiron este venres en Expourense ao 7º Foro da Comunicación de Galicia e á entrega dos IV Premios Paraugas.
Profesionais da comunicación e do marketing comparten experiencias no 7º Foro da Comunicación de Galicia
Foto dos IV Premios Paraugas, entregados en Expourense.
Foto dos IV Premios Paraugas, entregados en Expourense.

O Foro da Comunicación de Galicia foi organizado por Expourense coa colaboración do Clúster da Comunicación de Galicia co patrocinio da Deputación de Ourense e o apoio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta. Esta xornada foi de novo punto de encontro de referencia para os profesionais galegos vencellados á comunicación e ao marketing, que tiveron a oportunidade de compartir experiencias con grandes expertos do sector e con directivos de importantes empresas que marcan tendencia á hora de comunicar. 

O programa de conferencias deste 7º foro dividiuse en varias mesas de debate onde un total de 25 expertos abordaron temas de actualidade. Comunicación, marketing dixital, deseño e publicidade foron os catro eixos sobre os que xirou esta edición que contou coa participación de directivos de axencias de publicidade punteiras en España como Dimensión, CHINA, Disrupción-Dx Global ou a propia BAP&Conde de Galicia e tamén co exdirector creativo do Concello de Madrid na época de Manuela Carmena e calificado como “o que converteu en bonitas, simples e eficaces as mensaxes burocráticas das campañas municipais da capital madrileña”.

IV Premios Paraugas

A xornada en Expourense rematou coa entrega dos IV Premios da Comunicación e do Marketing de Galicia, Premios Paraugas, que recoñecen o bo facer das empresas e dos profesionais que traballan en toda a cadea de valor da comunicación dentro da nosa comunidade autónoma. Na edición deste ano, 14 entidades galegas recibiron premios, entre as máis de 250 candidaturas presentadas. 

Xunto a isto, o acto serviu tamén para por en valor o traballo e a traxectoria de diferentes empresas e persoas que se teñen significado polasúa contribución ao ámbito da comunicación. Entre os homenaxeados estiveron Alejandro Rubín, cabeza visible de Expourense durante dúas décadas, e José María Cruz Novillo, deseñador cunha ampla traxectoria que inclúe a creación de logotipos como o do diario El Mundo, o do PSOE, o do Banco de España e o de Correos, así como a de carteis de películas como La escopeta nacional, Los lunes al sol e Barrio.

Ademais, recibiu unha homenaxe póstuma o publicista e editor ourensán Luis Carballo, que faleceu este mesmo ano. Trátase dunha mostra do recoñecemento á súa labor como fundador da revista de comunicación Galicia Moda e como creador do Pelegrín, mascota e imaxe oficial do Ano Santo de 1993, o primeiro Xacobeo moderno.

Tamén no marco do evento, a asociación Executivas de Galicia aproveitou a ocasión para destacar e premiar á presentadora Silvia Jato por ser unha muller referente no campo da comunicación.

Comentarios
Profesionais da comunicación e do marketing comparten experiencias no 7º Foro da Comunicación de Galicia