Presentouse a Nova Axenda Industrial de Galicia 2025

Igape e CEO explican os aspectos técnicos das axudas á dixitalización das pemes galegas

A iniciativa Conecta Ourense da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) promoveu este xoves a celebración dunha xornada informativa online para expoñer en detalle a tramitación dos proxectos de dixitalización industria 4.0.

Igape e CEO explican os aspectos técnicos das axudas á dixitalización das pemes galegas
Norberto Penedo, do Igape.
Norberto Penedo, director da área de Competitividade do Igape.

A dixitalización xa non é allea a ningunha peme que pretenda evolucionar e adaptarse aos tempos actuais tan cambiantes. Esta transformación dixital abrangue a día de hoxe todos os aspectos imaxinables da vida das persoas e tamén das actividades empresariais. Acorde a esta evolución tecnolóxica imprescindible, a Xunta de Galicia, a través do Igape, facilita axudas para levar a cabo proxectos e actuacións de cara á dixitalización da industria 4.0 co fin último de lograr a transformación industrial das empresas galegas gañando eficiencia e competitividade.

Sobre estas axudas tratou unha xornada online que foi seguida por unha trintena de empresarios ourensáns. Na apertura, o director da área de Competitividade do Igape, Norberto Penedo, salientou os eixos sobre os que xirará a Nova Axenda Industrial de Galicia 2025 que está configurada ao redor da dobre transformación dixital e sostible, os axentes habilitadores, o talento e liderado e a industrialización sostible, abarcando temas como a intelixencia artificial, o Big Data, a ciberseguridade, o 5G ou a realidade aumentada ou virtual, entre outros.

Durante a presentación Penedo fixo un repaso das axudas publicadas neste mes de xuño para a dixitalización industria 4.0. que apoian a transformación dixital das pemes galegas.  Cun orzamento de 5 millóns de euros, a última convocatoria do programa Dixitalización Industria 4.0 establece axudas en réxime de concorrencia competitiva para desenvolver proxectos colectivos e individuais que busquen a implantación de solucións de interacción, sistemas de intelixencia artificial ou aqueles encamiñados á dixitalización de procesos. As axudas cobren o 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e o 25% para as medianas, e nos dous casos o 50% dos custos de colaboracións externas. O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 euros para os individuais, e de 10.000 euros por participante no caso dos proxectos colectivos. Con esta liña, o goberno galego aspira a promover máis de 200 proxectos de dixitalización.

Proxectos individuais e colectivos 

O directivo do Igape concretou que poden subvencionarse proxectos individuais ou colectivos destinados á implantación de solucións para o soporte dixital de procesos ou proxectos de interconexión dixital de procesos de dúas ou máis empresas; ademais de investimentos materiais e inmateriais (equipamento informático, software, colaboracións externas...). Penedo describiu a modalidade de proxectos colectivos e individuais que as empresas poden presentar a estas axudas, entre os que se atopan os casos de empresas que queiran implantar sistemas de intelixencia artificial, interconexión de elementos físicos e virtuais, dixitalización de procesos concretos, big data ou ciberseguridade, entre outras opcións.

En canto á solicitude destas axudas, salientou a importancia de criterios de avaliación coma o descrición do proxecto e a súa adecuación, o tipo de solución e melloras esperadas, a adecuación dos investimentos e capacidade económica, ou o alcance do proxecto e o sector ou ámbito de actividade, ademais do seu emprazamento en concellos declarados como emprendedores. 

Igape e CEO explican os aspectos técnicos das axudas á dixitalización das pemes galegas