Os días 9 e 10 de maio

"O encontro de Sober" analizará os retos do futuro agroindustrial galego

“O encontro de Sober”, novo foro económico que nace para ser o espazo estratéxico de referencia no diálogo rural-industria en Galicia, presentouse este martes nun acto no que participaron o alcalde do municipio lucense, Luis Fernández, e o economista e empresario Venancio Salcines, presidente do Consello Reitor de Cesuga, institución académica que organiza o evento.
"O encontro de Sober" analizará os retos do futuro agroindustrial galego
O presidente do Consello Reitor de Cesuga, Venancio Salcines, e o alcalde de Sober, Luis Fernández, presentaron "O encontro de Sober".
O presidente do Consello Reitor de Cesuga, Venancio Salcines, e o alcalde de Sober, Luis Fernández, presentaron "O encontro de Sober".

A primeira edición de “O encontro de Sober”, que vén seguir o camiño iniciado por Cesuga hai catro anos con “O encontro de A Toxa”, celebrarase os vindeiros 9 e 10 de maio no Áurea Palacio de Sober co obxectivo de poñer o foco no potencial industrial do medio rural galego e xerar sinerxias que permitan impulsar o desenvolvemento e a competitividade da Galicia do interior. “Facía falta un espazo económico para recuperar o noso rural e a nosa industria. Desde Cesuga asumimos o reto e deseñamos este foro de valor compartido onde intentar que os seus actores se xunten unha vez ao ano, interactúen e debatan sobre os retos, as oportunidades e as ameazas no rural”, dixo Venancio Salcines. 

Pola súa banda, o rexedor de Sober, Luis Fernández, salientou o “pulo” que supón un evento económico destas características para o concello e tamén para toda a Ribeira Sacra. “Nós aportamos o território. Isto é a Ribeira Sacra, unha comarca en alza. Eventos así axudan moito nun momento tan decisivo para a nosa candidatura a Patrimonio Mundial”, comentou o alcalde.

Neste sentido, Salcines apuntou á elección de Sober como sede do novo foro. “Somos unha universidade da Coruña, pero somos galegos por encima de todo e queriamos facelo nun concello que representase á Galicia interior na súa totalidade e con capacidade loxística. Sober representa o lugar mais axeitado para liderar o diálogo rural-industria en Galicia”, explicou.

“O encontro de Sober” reunirá durante dúas xornadas a arredor de 400 asistentes e preto dun cento de relatores do mundo da empresa, o ámbito académico e o sector público, que participarán nun total de 17 mesas temáticas, de acceso gratuíto para o público. Entre outros temas, as ponencias e debates abordarán os principais retos do futuro agro-industrial galego en sectores específicos como o lácteo, cárnico, vitivinícola, tecnolóxico, financeiro ou os das enerxías renovables, a minería sostible, a industria forestal, o patrimonio natural, o emprendemento e a xestión do risco.

Apoio da Xunta e de grandes empresas

O foro de Cesuga conta co apoio, ademais do Concello de Sober, das consellerías do Medio Rural e Economía, Industria e Innovación, a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e empresas como Estrella Galicia, Ence, Grupo Leche Río, Banco Santander, Vegalsa Eroski, Cobre San Rafael e Dest People. O perfil do público que se achegará ao evento será, sobre todo, “de empresarios e directivos, emprendedores e xente da administración pública e a universidade”. “Unha das mesas -engadiu Salcines- traerá aos representantes das patronais asturiana e leonesa. Cremos que hai que abrir o evento de Sober e que ano a ano sexa a referencia no debate rural-industria no norte de España e tamén no norte de Portugal”.

O foro, que disporá de espazos para networking e presentación de negocios, será retransmitido en streaming en YouTube e contará con comentaristas e entrevistas en directo cos participantes.

"O encontro de Sober" analizará os retos do futuro agroindustrial galego