Desenvolverá un ciclo de conferencias sobre esta materia

O CPEIG achega as oportunidades da Intelixencia Artificial ao empresariado ourensán

A charla organizada polo Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) tivo lugar este venres na Confederación Empresarial de Ourense e tratou sobre as oportunidades, regulación e medos sobre a Intelixencia Artificial.

O CPEIG achega as oportunidades da Intelixencia Artificial ao empresariado ourensán
Conferencia sobre intelixencia artificial
Fernando Suárez, Marisol Nóvoa e Víctor Salgado na presentación da conferencia sobre intelixencia artificial.

A xornada, que conta coa colaboración da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e Pintos&Salgado Abogados, forma parte dun ciclo de conferencias que comezou este venres en Ourense. Nela, preténdese achegar a Intelixencia Artificial (IA) ao sector empresarial e ao público en xeral interesado nesta disciplina das ciencias da computación.

A presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, presentou a sesión na que interviñeron o presidente do CPEIG, Fernando Suárez e  Víctor Salgado, socio director da firma referente en Galicia de dereito TIC, Pintos & Salgado Abogados, que achegaron aos asistentes a IA como unha nova expectativa na empresa, abordando a cuestión desde diferentes perspectivas.

Suárez sinalou que a IA “ é unha tecnoloxía nova para o público en xeral, pero que xa leva máis de 70 anos entre nós”. Tamén falou sobre os medos que xera, en canto á desaparición de postos de emprego, e ás necesidades dunha lexislación clara para o seu uso.

Pola súa banda, Víctor Salgado salientou que probablemente a IA supón o maior avance tecnolóxico nos últimos 20 anos. “ Coma toda ferramenta inventada na historia da humanidade, a IA non é mala nin boa en si mesma, senón que representa novas oportunidades e desafíos que debemos coñecer e aproveitar, minimizando os seus riscos e maximizando o seu enorme potencial”.

Finalmente, Nóvoa destacou na súa intervención que “hai que abordar as oportunidades desta tecnoloxía tan de actualidade, pero tamén ter en conta unha regulación que hai que desenvolver para realizar un correcto uso dela, así como coñecer os riscos que entraña” e lembrou a capacidade da CEO para, neste sentido, axudar ás empresas a tramitar axudas de dixitalización a través da iniciativa Conecta Ourense.

O CPEIG achega as oportunidades da Intelixencia Artificial ao empresariado ourensán