As oficinas de Conecta Ourense asesoran e acompañan na tramitación destas axudas

Presentación das axudas do programa Galicia Inviste

O Programa Galicia Inviste, que convoca a Xunta de Galicia a través do Igape e que conta cun presuposto de 15 millóns de euros, oferta dúas liñas de axudas para pemes e autónomos cas que se prevé mobilizar máis de 30 millóns de euros.

Presentación das axudas do programa Galicia Inviste
Xornada de presentación do programa Galicia Inviste.
Xornada de presentación do programa Galicia Inviste.

Fany Suárez, subdirectora de Investimentos e Startups do Igape, explicou en detalle os aspectos máis salientables da convocatoria destas axudas, nunha sesión que se desenvolveu en formato presencial na sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e tamén a través de conexión online.

Trátase de dúas liñas de axudas; unha para proxectos de equipamento produtivo, é dicir, para ampliar a capacidade dun establecemento xa existente, e outra para investimento empresarial, que servirá para crear novos establecementos, diversificar produción ou afrontar cambios nos procesos produtivos.

Esta xornada técnica forma parte das actividades que a rede de oficinas Conecta Ourense da CEO programa para facer chegar ás pemes e autónomos este tipo de axudas.

Jaime Pereira, secretario da CEO, fixo mención dos datos desta iniciativa e que, tan só no que vai de 2023, xa acadou as 153 empresas contactadas e que recibiron asesoramento ou teñen participado nalgunhas das accións organizadas por esta iniciativa. Ademais, nas oficinas de Conecta Ourense detectáronse 104 empresas con potencial innovador e tramitáronse polo de agora un total de 73 axudas de distintos organismos.

Neste sentido, Pereira salientou que "levamos a cabo o labor de facilitadores e orientadores para que as pemes poidan concorrer e tramitar con éxito estas e outras axudas en innovación, dixitalización, proxectos empresariais, sustentabilidade ou internacionalización".

Detalles da convocatoria

Desde a súa posta en marcha no ano 2018, o programa Galicia Inviste leva apoiado máis de 360 proxectos con investimentos de máis de 125 millóns de euros.

A primeira liña establece que serán subvencionables os investimentos en activos fixos que impliquen unha ampliación da capacidade dun establecemento existente, e que o importe deste investimento debe estar entre 25.000 e 900.000 euros. Os sectores que a Xunta incentiva van desde a industria da alimentación, téxtil, coiro e calzado, madeira e cortiza, do papel ou química, ata a fabricación de mobles, de produtos metálicos, informáticos, minerais, material e equipamento eléctrico; reparación e instalación de maquinaria e equipamento, tratamento e eliminación de residuos ou manipulación de mercadorías.

En canto á liña para investimento empresarial, os beneficiarios son autónomos e pemes que proxecten levar a cabo un novo establecemento, a ampliación da capacidade dun xa existente, a diversificación da produción nun establecemento existente de produtos novos, ou un cambio fundamental no proceso produtivo afectado por este investimento. A maiores dos sectores subvencionables da liña anterior, esta axuda inclúe tamén as telecomunicacións, o alugamento de maquinaria e equipamento de uso agrícola e para construción e enxeñería civil, así como doutra maquinaria, equipamentos e bens tanxibles, ademais de actividades de envasado e empaquetado. Neste caso, o investimento mínimo debe ser de 50.000 euros.

O prazo para presentar as solicitudes destas axudas remata o próximo 31 de outubro.

Presentación das axudas do programa Galicia Inviste