COLABORACIÓN MUTUA

Jealsa adhírese á Cámara de Comercio de Santiago

A Cámara de Comercio de Santiago asinou un convenio de colaboración coa conserveira Jealsa Rianxeira.

Jealsa adhírese á Cámara de Comercio de Santiago
José Sierra e Jesús Alonso asinaron a adhesión de Jealsa á Cámara compostelá.
José Sierra e Jesús Alonso asinaron a adhesión de Jealsa á Cámara compostelá.

Ao acto, que se celebrou na sede central de Jealsa Rianxeira en Boiro, asistiron o presidente da Cámara compostelá, José Sierra Fernández, e o da conserveira, Jesús M. Alonso Escurís.

O convenio ten por obxecto establecer o marco xurídico xeral dentro do que se van desenvolver as relacións entre a Cámara de Comercio e Jealsa, baseadas na colaboración, cooperación e apoio mutuo das organizacións. En especial, a colaboración da Cámara de Santiago centrarase na defensa e promoción dos intereses xerais de Jealsa, como empresa da súa demarcación cameral e asociada á entidade, así como difundir as súas actividades.

Jesús Alonso Escurís manifestou a súa satisfacción de poder colaborar coa Cámara de Comercio, “entidade que desde os seus inicios ofreceu un apoio substancial ás empresas da comarca, polo que agora é de recibo que sexamos nós que axudemos a que a entidade poida seguir realizando o seu magnífico labor”. Ademais, asegurou que este acordo servirá para que a Cámara axude á empresa a desenvolver algúns dos seus novos proxectos, e igualmente a conserveira tenderá a súa colaboración á entidade cameral. 

Tras esta incorporación como socia á Cámara compostelá, José Sierra sinalou que “a adhesión de Jealsa é un feito relevante que agradecemos e que nos marca o camiño a seguir nesta nova etapa, na que debemos atraer ao maior número de compañías, especialmente as importantes por tamaño e facturación, en aras de consolidar un verdadeiro conglomerado empresarial con peso específico, unha vez que a pertenza ás cámaras, e o correspondente pago de cotas, antes obrigatorio, é agora voluntario”.

Comentarios
Jealsa adhírese á Cámara de Comercio de Santiago