Impulsada pola Xunta e Tecnópole

Aberto o prazo para participar na terceira edición de Galicia Avanza

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas Galicia Avanza acaba de abrir o prazo de inscripción na convocatoria deste ano, na que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica.

 

Aberto o prazo para participar na terceira edición de Galicia Avanza
Imazxe do evento de presentación de resultados da segunda edición de “Galicia Avanza”.
Imaxe do evento de presentación de resultados da segunda edición de “Galicia Avanza”.

O obxectivo deste programa, xestionado e coordinado por Tecnópole, é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible.

Promóvese así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación internacional, ademais de abrirse a novos mercados. Para iso, traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, así como na atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.

Detalles da convocatoria de Galicia Avanza

Como principal novidade desta edición, non poder ser beneficiarias empresas que xa teñan participado en convocatorias anteriores do programa. Ademais, incentivarase a participación de pemes que non recibisen axudas previas da Axencia Galega de Innovación (Gain) nin de Tecnópole, e tamén se primará a porcentaxe de mulleres nos seus cadros de persoal.

Á hora de realizar a selección de candidatos, valorarase o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no eido internacional.

“Galicia Avanza” ofrece un programa integral de apoio á internacionalización de dez meses de duración, con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado.

Ao longo do programa, as empresas participantes tamén recibirán mentorización, asesoramento e formación comercial e técnica.

Nas dúas edicións anteriores do programa, un total de 60 pemes de toda a comunidade, pertencentes aos sectores máis diversos, recibiron un impulso para a súa internalización.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 19 de abril.

Aberto o prazo para participar na terceira edición de Galicia Avanza