Será o segundo na provincia de Pontevedra

A Xunta ubicará en Vilanova de Arousa un novo Polo de emprendemento

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, anunciou este luns, a nova apertura deste Polo de emprendemento que pretende xerar emprego, dinamizar a economía local e fixar poboación.

A Xunta ubicará en Vilanova de Arousa un novo Polo de emprendemento
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou as instalacións do futuro Polo de emprendemento de Vilanova de Arousa./J.L. OUBIÑA.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou as instalacións do futuro Polo de emprendemento de Vilanova de Arousa./J.L. OUBIÑA.

Nun encontro con empresarios da comarca do Salnés, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou a relevancia da bisbarra no eido do turismo, no comercio ou no sector primario -nomeadamente no mar- e aseverou que aínda queda moito potencial, xerando riqueza pegada ao territorio, pola vía do emprendemento e do emprego de calidade.

Por outra banda, Rivo tamén agradeceu a boa disposición do Concello de Vilanova de Arousa de cara ao novo servizo e o seu ofrecemento de establecer o futuro polo de emprendemento no Pazo de Vista Real.

Na xuntanza, púxose en valor a Rede de polos, que xorde para ofrecer un acompañamento continuado das persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que vaian pasando os seus proxectos. O obxectivo é convertelos en verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sendo foros de interlocución que permitan recoller as demandas da súa poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado.

Rivo sinalou que na provincia de Pontevedra funciona actualmente o polo Pontevedra Norte e Rías Baixas, con sede en Silleda, que leva atendidos arredor de 150 proxectos.

Actualmente, Galicia conta con oito polos activos que se seguirán consolidando para dar cobertura ao 100% do territorio galego, onde máis de 550 persoas emprendedoras xa recibiron arredor de 1.700 titorías para sacar adiante as súas iniciativas.

A Xunta ubicará en Vilanova de Arousa un novo Polo de emprendemento