Destaca o potencial de sectores como o turismo termal, o primario e o forestal

A Xunta abrirá un novo Polo de emprendemento en Baños de Molgas

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, anunciou nun encontro con empresarios da comarca ourensá de Baños de Molgas a posta en marcha dun novo Polo de emprendemento co fin de xerar emprego e dinamizar a economía local.

A Xunta abrirá un novo Polo de emprendemento en Baños de Molgas
Encontro da conselleira de Elena Rivo, no centro, con empresarios de Baños de Molgas.
Encontro da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, no centro, con empresarios da comarca.

No encontro celebrado este martes, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, anunciou a creación dun novo Polo de emprendemento e apoio ao emprego en Baños de Molgas, que acompañará ás persoas con iniciativa no desenvolvemento dos seus negocios e incrementará as oportunidades laborais na contorna.

Rivo remarcou o potencial de sectores como o turismo termal, o primario e forestal en Baños de Molgas, terra rica en oportunidades, para a creación de emprego rural, próximo e de calidade, na que o novo Polo de emprendemento suporá un “pulo importante”, sinalou.

Galicia está a tecer unha Rede de polos de emprendemento para dar cobertura ao 100% do territorio, unha experiencia que iniciou o seu percorrido hai algo máis dun ano e que está a cumprir co seu triplo obxectivo: casar a xestión da busca de emprego coa realidade demográfica e social da Comunidade; dinamizar o mercado de traballo, buscando a interacción entre os ámbitos rurais e urbanos; e fixar poboación no territorio.

O de Baños de Molgas ampliará a rede de polos da provincia ourensá, tras a posta en marcha de dous no Carballiño e en Verín e a próxima inauguración dun máis no Barco de Valdeorras. Os polos ofrecen acompañamento continuado para as persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que pasan os seus proxectos.

Ata a actualidade, a rede de polos xa realizou 1.500 titorías para sacar adiante as iniciativas duns 500 emprendedores, entre as que destacan as relacionadas co comercio, a hostalaría, a agricultura, a gandaría e a pesca.

A Xunta abrirá un novo Polo de emprendemento en Baños de Molgas