Hai proxectos galegos, do resto de España, de Portugal e Reino Unido

Estas son as 15 startups beneficiarias da sexta edición de BFFood

Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario galego dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), vén de seleccionar os 15 proxectos beneficiarios, entre un total de 47 candidaturas, que promoven solucións aos retos que enfronta a industria dos alimentos e as bebidas.

Estas son as 15 startups beneficiarias da sexta edición de BFFood
Presentación dos 15 proxectos beneficiarios do programa BFFood.
Presentación dos 15 proxectos beneficiarios do programa BFFood.

Os proxectos seleccionados recibirán apoio integral e especializado, acceso a mentoría, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e outros recursos, así como o apoio económico da Xunta de Galicia. O obxectivo é impulsar a súa idea innovadora para facer fronte aos retos do sector alimentario.

Entre as empresas mentoras dos proxectos seleccionados están Bodegas Casa Montepío, Casa Grande de Xanceda, Cafés Candelas, CAPSA, CLUN, Congalsa, GADISA, Grupo Nueva Pescanova, Grupo Pereira, Leche Celta e Quescrem. Xunto a elas, as entidades Fundación Juana de Vega, Agaca e Anfaco tamén participan como mentoras nesta edición da aceleradora.

O seu labor nesta edición é plantexar os retos reais da industria da alimentación aos que os proxectos beneficiarios deben dar resposta, participar no Comité de Selección e apoiar e acompañar ás iniciativas elixidas na súa chegada ao mercado, xerando oportunidades de negocio para ambas partes.

VI Edición de BFFood

Das 47 candidaturas presentadas nesta sexta edición, 15 delas recibirán , ao longo de 2024, o apoio e formación necesarios para desenvolver as súas propostas. Dos seleccionados, 5 accederán ao programa de consolidación e 10 ao de aceleración. A gran maioría deles proceden de startups galegas, pero tamén están presentes iniciativas de Reino Unido e Portugal, así como de Castela e León e Murcia.

No programa de consolidación, de doce meses de duración, cada startup terá a oportunidade de recibir apoio económico a través dun préstamo participativo por parte da Xunta a través de XesGalicia, que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000€. As startups seleccionadas foron Anfood, Gradhoc, Perusiñas, Petit Papao Bio e Salmoira.

Pola súa banda, no programa de aceleración, de nove meses de duración, os proxectos poderán acceder a financiamento do Goberno galego a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), de 25.000€ a fondo perdido, e de XesGalicia, a través dun préstamo participativo que podería conlevar unha opción de capitalización de ata 50.000€. As startups seleccionadas foron Agrolink, Amarela Leaf Whey, Beniu, D2C, Empromar, Fruiwa, Impact Upcycled, Ntente, Pastoral e Simbiosis Acuícola.

Estas son as 15 startups beneficiarias da sexta edición de BFFood