Nesta convocatoria hai un incremento lineal de 2.000 euros nas súas catro liñas

O programa Emega de Emprendemento feminino dótase cun 54% máis de orzamento que en 2020

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, informou da publicación no Diario Oficial de Galicia da nova convocatoria do programa Emega de Emprendemento feminino, dotada neste 2021 co seu máximo orzamento, 3,2 millóns de euros, un 54% máis que na convocatoria 2020.

O programa Emega de Emprendemento feminino dótase cun 54% máis de orzamento que en 2020
A conselleira de Emprego e Igualdade, visitou en Santiago o Atelier e a Academia de Ana Prados.
A conselleira de Emprego e Igualdade, visitou en Santiago o Atelier e a Academia de Ana Prados./X.CRESPO.
A conselleira de Emprego e Igualdade, visitou en Santiago as dependencias do Atelier e a Academia de Ana Prados, unha iniciativa beneficiaria das axudas Emega no ano 2020, que “lle permitiu ir tecendo o seu propio proxecto de futuro”, destacou María Jesús Lorenzana.  “Apoiar o empoderamento económico e social das mulleres fomentando o emprego feminino liderado por elas mesmas é un dos piares irrenunciables sobre os que se asenta a actuación da Xunta, no marco da igualdade de oportunidades” resaltou a conselleira.

Catro liñas de actuación integran o programa Emega. A liña Emprende, destinada a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas; a liña Activa, que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais garantindo ou incrementando os postos de traballo da empresa; a liña ITEF, para a posta en marcha de  novas iniciativas empresariais de carácter innovador no eido da investigación e da tecnoloxía; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, que ten por obxecto favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar tanto das promotoras como das persoas traballadoras ao seu cargo.

A contía dos apoios para todas estas liñas vai dos 8.000 euros aos 42.000 e ten en conta o número de postos de traballo (de un a máis de catro) ocupados por mulleres nestas empresas. Lorenzana animou a toda muller interesada en iniciar o seu propio negocio a informarse da nova convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia e a contactar coa Consellería de Emprego e Igualdade para o que precisen. As mulleres interesadas dispoñen ata o 14 de agosto de prazo para presentar as súas solicitudes.

Incremento de incentivos

Na actual convocatoria, Emega segue a adaptarse ao contexto de pandemia, para minimizar os efectos da covid-19 entre as novas emprendedoras e as beneficiarias. Por
este motivo realizouse un incremento lineal de 2.000 euros en todos os incentivos, coa finalidade de chegar a maior número de empresarias e favorecer un emprendemento máis sólido e continuado no tempo.

Para resultar beneficiarias do programa Emega, as mulleres emprendedoras deben cumprir, entre outros, o requisito de liderar unha microempresa ou pequena empresa
validamente constituída; estar domiciliadas en Galicia; ter vinculación laboral co negocio e estar de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e presentar proxectos con viabilidade económica, técnica e financeira.
 

Balance

O pasado 2020 o programa contou cun orzamento de 2,1 millóns de euros, o que permitiu apoiar a cifra récord de 197 iniciativas empresariais de mulleres e a creación ou
mantemento de 323 postos de traballo femininos. Este 2021, o presuposto da convocatoria ascende a 3.267.251 euros, o maior orzamento da historia deste programa. Desde 2009, o Goberno galego leva investidos cerca de 11 millóns de euros no programa Emega, contribuíndo deste xeito ao nacemento de 900 proxectos empresariais femininos que permitiron crear 1.416 postos de emprego para mulleres.

O programa Emega é punta de lanza da promoción da igualdade no eido laboral desde a Xuntar. “Funciona e os resultados son boa mostra diso”, subliñou a conselleira de Emprego e Igualdade.
 

O programa Emega de Emprendemento feminino dótase cun 54% máis de orzamento que en 2020