Son un 22,3% máis que en 2019

O programa Emega apoia preto de 200 proxectos liderados por mulleres

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu en Santiago de Compostela un acto de difusión virtual para dar información, asesoramento e orientación sobre o programa Emega de emprendemento feminino ás súas 197 beneficiarias.
O programa Emega apoia preto de 200 proxectos liderados por mulleres
10,30 h.-    A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidirá un acto informativo virtual con mulleres beneficiarias do programa de axudas Emega 2020 de emprendemento feminino. Na sala de xuntas da planta baixa.

foto xoán crespo
03/11/2020
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella (der.), no acto informativo virtual con mulleres beneficiarias do programa de axudas Emega 2020./X.CRESPO.

Tal e como relatou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, o programa Emega consolidouse como “medida específica” para o fomento do emprendemento feminino. Desde 2009 permitiu financiar 902 proxectos liderados por mulleres e crear case 1.600 postos de traballo para elas. Este ano 2020 a Administración autonómica apoia 197 iniciativas empresariais de mulleres -un 22,3% máis que en 2019-, o que permite a creación ou mantemento de 324 empregos.

Na convocatoria de 2020 incorporáronse varias modificacións para intensificar o apoio ás emprendedoras no contexto xerado “pola crise económica, social e sanitaria derivada da pandemia da covid-19”, tal e como lembrou López Abella. Entre elas, subliñou como principal novidade o reforzo da denominada liña Activa, “a que se considera máis adecuada para ter en conta á situación da covid-19” permitindo “flexibilizar e minorar a esixencia do mantemento do emprego”. Esta liña está dirixida á reactivación e a consolidación de empresas a través de incentivos para a renovación, a ampliación ou o cambio de localización cos que paliar unha situación económica adversa. Con ela preténdese garantir a pervivencia das empresas no actual contexto. Por iso,  se flexibilizaron os criterios de acceso sen que se requirira que o negocio tivera tres anos de antigüidade ademais de valorarse o emprego mantido neste período e o creado.

Liñas específicas

Ademais da liña Activa, o programa Emega implementa outras tres liñas específicas: Emprende, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; Innova, para fomentar a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; e ITEF, para promocionar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres.

A maiores, establecese a axuda complementaria Concilia, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas súas dúas modalidades: a destinada a promotoras e para persoas traballadoras por conta allea.

A contía das axudas depende da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados. Así na Emprende oscilan entre os 8.000 e 20.000 euros; na Innova, entre 12.000 e 20.000 euros; na Activa, entre 6.000 a 15.000 euros; e na ITEF, entre 16.000 e 40.000 euros.No caso das axudas complementarias da liña Concilia, os incentivos oscilan entre os 3.000 e os 5.000 euros.

Emega configúrase como “medio axeitado para a promoción, participación e progresión das mulleres no mercado de traballo e no desenvolvemento da súa actividade profesional”, incidiu a secretaria xeral da Igualdade na videoconferencia. Lembrou que grazas ao plan aprovéitase a potencialidade e as novas oportunidades de negocio impulsadas por mulleres, singularmente no terreo da innovación (I+D+i), das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e no medio rural; co fin de promover “unha maior participación na actividade económica e laboral, así como para contribuír a un crecemento intelixente, sustentable e integrador sen desigualdades entre mulleres e homes, a unha maior cohesión social e territorial e á revitalización demográfica en Galicia”.

A Consellería de Emprego e Igualdade destinou este ano 2.120.000 euros a esta actuación, que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, a través do programa operativo do FSE Galicia 2014-2020.

Comentarios
O programa Emega apoia preto de 200 proxectos liderados por mulleres