Os días 23 e 24 de setembro, en Pontevedra

Pont-Up Store servirá de presentación para 40 novos proxectos empresariais

40 novos proxectos empresariais darán a coñecer os seus produtos e servizos na novena edición de Pont-Up Store, o encontro do emprendemento que a Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, promove os días 23 e 24 de setembro en Pontevedra, co apoio da Concellería de Promoción Económica de Pontevedra e da Deputación de Pontevedra e coa colaboración de medio cento de entidades públicas e privadas.
Pont-Up Store servirá de presentación para 40 novos proxectos empresariais
Carlos Lópèz Font, Eva , Yoya Blanco e Pedro Figueroa, na presentación do Pont-Up Store./DUVI.
Carlos Lópèz Font, Eva Lantarón, Yoya Blanco e Pedro Figueroa, na presentación do Pont-Up Store./DUVI.

Máis de 30 actividades integran o programa da novena edición do Pont-Up Store, que foi presentado este luns polo seu director,  o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Figueroa. "A internacionalización e a sostibilidade” constitúen os eixos centrais desta programación, á que se suman unha serie de iniciativas dirixidas a axudar aos emprendedores e emprendedoras a “desenvolver competencias que lles permitan madurar” os seus proxectos.

As candidaturas presentadas ás diferentes modalidades de participación do Pont-Up Store (un total de 150) permitiron constatar a existencia dunha serie de proxectos aos “que lles faltaba un punto de madurez, derivado destes dous anos de covid-19 e restricións”, explicou Figueroa. Isto motivou que desde a organización do evento, liderada polo grupo de investigación G4 Plus, se optase por recuperar unhas “xornadas previas”, que se desenvolverán entre o martes 20 e o xoves 22 e que agrupan “unha serie de actividades formativas”, promovidas coa colaboración da Cámara de Comercio e a Deputación, sobre cuestións “como a viabilidade económica, o márketing, as axudas e subvencións ou as fórmulas de cooperativismo”. 

 

Maioría de emprendedoras

Figueroa presentou esta programación xunto á vicerreitora do campus, Eva Lantarón, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco e o deputado provincial Carlos López Font, que fixeron énfase na importancia que ten para este evento a colaboración de entidades públicas e privadas, “marcándose como obxectivo converter Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais”, como destacou a vicerreitora. “É de suma importancia apoiar os emprendedores de toda Galicia, promover o fomento da creatividade, da innovación, da economía social e da igualdade e incrementar as posibilidades competitivas e de internacionalización destas empresas”, salientou Lantarón, mentres que López Font puxo o acento en como o Pont-Up Store foi “adaptándose á evolución destes tempos e respondendo ás necesidades” dos emprendedores e emprendedoras. 

Blanco, pola súa banda, subliñou a “importante aposta” desta edición pola sustentabilidade, presente nos produtos ou na “filosofía” empresarial de preto do 90% das candidaturas, así como na alta porcentaxe de proxectos liderados por mulleres, preto do 80% dos presentados. A isto súmase que 50 das 70 relatoras e relatores participantes nas diferentes actividades son mulleres, como engadiu Figueroa, que destacou tamén a maior presenza de iniciativas ligadas á economía social nun “evento multisectorial”, no que poderán coñecerse empresas centradas na alimentación, as tecnoloxías, a mobilidade ou a sostibilidade. 35 delas contarán cun posto no recinto da praza de España, onde catro desenvolverán ademais “actividades demostrativas”, mentres que sete proxectos foron seleccionados para o Pont-Up Express, no os seus impulsores e impulsoras presentan os seus modelos de negocio a representantes de “importantes entidades e empresas galegas”. 

 

Internacionalización e sustentabilidade

Un dos eixos do programa deste noveno Pont-Up Store será a internacionalización, con actividades como unha presentación do proxecto HEI4 Future, un consorcio europeo liderado pola Universidade de Vigo e centrado en potenciar o emprendemento e as capacidades innovadoras das institucións de educación superior. Así mesmo, grazas á colaboración do programa Ticket2Europe e a Cámara de Comercio de Santiago, desenvolveranse dúas actividades con emprendedores de diferentes países.

No referido á sustentabilidade, o Pont-Up Store engloba iniciativas como o coloquio sobre “economía circular e alimentos de proximidade” da Fundación Galicia Verde. No referido á economía social, a programación inclúe iniciativas como unha mesa redonda sobre “muller e cooperativismo” . No referido á “innovación social”, Figueroa destacou un coloquio sobre a asociación solidaria Publicitarios Implicados, que presta servizos de comunicación publicitaria a entidades sociais e colectivos, e o evento WordPress en Acción, enmarcado na WordCamp Pontevedra e no que se traballará no deseño das webs de dúas organizacións sen ánimo de lucro.

Entre as 30 actividades gratuítas, que poderán seguirse tamén por streaming, figuran tamén un coloquio con “emprendedores retornados” a Galicia.
Comentarios
Pont-Up Store servirá de presentación para 40 novos proxectos empresariais